A campaña “GALICIA SABE AMAR” desembarca en Vigo co reparto gratuíto de pestiscos durante tres xornadas

A iniciativa da Xunta promove o consumo de produtos do mar, impulsa a súa venda e pon en valor o labor dos profesionais da pesca e do marisqueo

Unha foodtruck estará na zona da Laxe, enfronte á escultura O Nadador, entre o 14 e o 16 de agosto en horarios de 12:00 a 15:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas

Vigo, 13 de agosto de 2023

A campaña GALICIA SABE AMAR da Xunta de Galicia chegará a Vigo este luns para promover durante tres días o consumo de peixes e mariscos. Unha das catro foodtruccks que percorren todo o territorio nacional repartirá petiscos de forma gratuíta na zona da Laxe, enfronte á escultura do Nadador, entre o 14 e o 16 de agosto, con horarios de 12:00 a 15:00 e de 18:00 a 21:00 horas.

 

GALICIA SABE AMAR é unha campaña da Xunta de Galicia que naceu no verán de 2021 para animar á cidadanía a través da retranca galega e os dobres sentidos a consumir produtos do mar, impulsar a súa venda e poñer en valor o labor dos profesionais da pesca e do marisqueo. Neste 2023 a iniciativa subiuse ás catro rodas a través de catro foodtrucks que levan o sabor das rías galegas por máis de 250 municipios de toda España vinculados ao Camiño de Santiago e que servirán máis de 200.000 petiscos ás persoas que decidan achegarse a elas.

 

O Executivo galego busca enxalzar deste xeito a variedade e calidade dos produtos do mar de Galicia así como a gastronomía. Nestas paradas os visitantes poden degustar 10 receitas que se elaboran con produtos certificados do mar como o berberecho de Noia, o bonito do norte ou o mexillón de Galicia, xunto con outros da terra con denominación de orixe como as fabas, o mel, os pementos, os queixos, o pan e as patacas.

 

Deste xeito a campaña de promoción dos produtos do mar de Galicia -posta en marcha para, entre outros obxectivos, render homenaxe aos milleiros de profesionais que durante a pandemia traballaron arreo para que nos fogares galegos non faltase un prato de peixe- achegará á cidadanía elaboracións como choco con fabas de Lourenzá, navallas en mollo de pemento de Herbón ou zamburiñas en escabeche con garavanzos.

 

Así mostrarase a calidade dos produtos pesqueiros galegos e o gran labor que realizan os profesionais dos distintos elos da cadea mar-industria. As persoas interesadas en visitar algunha parada das catro rutas de foodtrucks poden informarse nos perfís de redes sociais da Consellería do Mar onde se actualizan os datos referidos aos distintos percorridos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/08/2023