O presidente da Xunta enxalza na Illa de Tambo o valor patrimonial e natural de Galicia e aposta pola súa dinamización como destino turístico e cultural

Pon en valor os datos positivos de afluencia turística do primeiro semestre do ano, superiores aos do 2022 con 2,7 millóns de viaxeiros (un 11,8 % máis que no mesmo período do ano pasado) e os 4,7 millóns de noites (un 10,6 % máis que no primeiro semestre de 2022)

Poio (Pontevedra), 12 de agosto de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe na Illa de Tambo o valor patrimonial e natural deste espazo e de toda Galicia, e apostou pola súa dinamización como destino turístico e cultural, sempre desde a perspectiva da sostibilidade. “É unha das moitas marabillas que temos en Galicia e polo tanto, temos a obriga de conservala”, afirmou.

 

O titular do executivo galego, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, achegouse hoxe ata este enclave da ría de Pontevedra, pertencente ao concello de Poio. Alí, valorou a importancia de que agora sexa posible visitar este espazo, que durante moitos anos permaneceu pechado ao turismo polo seu uso militar.

 

Na súa intervención, avanzou a dispoñibilidade da Xunta para colaborar co concello na posta en valor da illa de Tambo. Así, precisou que a Administración autonómica xa acordou colaborar na adecuación do castro, tendeu a man para catalogar os bens patrimoniais que contén a illa e tramitará con dilixencia a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) cando sexa presentada polo concello.

 

Rueda apuntou que, desta forma, o Goberno galego segue apoiando todas aquelas iniciativas que axudan a consolidar á comunidade como un destino sostible e de primeiro nivel, e que en conxunto “están facendo que teñamos un ano turístico fantástico”, destacou. Ao respecto, puxo en valor os datos de afluencia turística do primeiro semestre, no que se acadaron os 2,7 millóns de visitantes (un 11,8 % máis de viaxeiros que no mesmo período do ano pasado) e os 4,7 millóns de noites (un 10,6 % máis que no primeiro semestre de 2022, que foi ano Xacobeo e no que se bateron todos os récords).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/08/2023