A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo esta tarde cos participantes nesta actividade, que forma parte da campaña de verán do Executivo autonómico

A Xunta pon en valor o castro de Doade de Lalín e a súa contorna a través dun campo de voluntariado

A actividade remata mañá despois de que mozos procedentes de Galicia, doutros puntos de España, de Italia e de México realizaran tarefas de conservación ambiental, de catalogación e divulgación etnográfica e de escavación na mámoa ‘a pena do santo’

Lalín (Pontevedra), 11 de agosto de 2023

Un grupo de mozos de entre 18 e 30 anos procedentes de Galicia, doutros puntos de España, de Italia e de México rematan mañá sábado a súa experiencia no campo de voluntariado organizado pola Xunta en Lalín e que ten como temáticas a arqueoloxía, o medio ambiente e a etnografía. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo esta tarde cos participantes nesta actividade que se enmarca na campaña de verán do Goberno galego.

Baixo o nome de ‘Tradición en verde’, este campo con tres vertentes de traballo. Unha compoñente ambiental, na que os voluntarios realizan tarefas de limpeza das marxes do río Asneiro, recuperan e sinalizan a ruta dos muíños e a ruta prehistórica de Doade, e acondicionan a área recreativa do museo ‘Casa do Patrón’. Así mesmo, a parte etnográfica desta proposta está centrada en labores de divulgación da cultura popular galega a través das actividades do museo ‘Casa do Patrón’, con participación en labores puntuais como a sega tradicional, a catalogación de fondos do museo ou a elaboración de guías e material e paneis informativos. A terceira compoñente deste campo é a arqueolóxica, pois os participantes colaboran na campaña de escavación e catalogación de pezas do castro de Doade. Así, axudan na recuperación da mámoa coñecida como ‘a pena do santo’.

Ademais, a proposta inclúe outras actividades de ocio como visitas ao embalse de Portodemouros e a fraga de Catasós; actividades deportivas en canoa, caiac e de hípica; desfrutar da piscina fluvial de Vilatuxe; obradoiros de cestaría; xogos de xeolocalización con GPS; escape room; e veladas de lendas tradicionais galegas.

Una proposta estival ampla e para todos

A campaña de verán da Xunta para este ano 2023 é a máis ampla da historia con máis de 11.200 prazas en distintas actividades, pero tamén é a máis variada e accesible. Nela ofrécense actividades para todas as idades e gustos como campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos ou intercambios con outras Comunidades. O obxectivo é que a mocidade pase uns días de aprendizaxe e diversión, que os pais conten cun servizo de conciliación para esta época estival e dinamizar o sector do ocio e o tempo libre.

Data de actualización: 11/08/2023