O conselleiro do Medio Rural presidiu esta tarde na Praza Maior de Verín a inauguración desta festa enoturística

A Xunta afianza o seu compromiso co sector vitivinícola na XVI Feira do Viño Monterrei

José González salientou a importancia da tradición e a recuperación das variedades autóctonas para reforzar este eido

Resaltou os instrumentos que a Consellería pon ao dispor deste sector para mellorar a súa competitividade e converterse nun referente

Verín (Ourense), 11 de agosto de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu esta tarde a inauguración da XVI edición da Feira do Viño Monterrei, celebrada na Praza Maior de Verín. Neste acto estivo acompañado, entre outras autoridades, polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

 

Durante a súa intervención, José González salientou a importancia do sector vitivinícola para Galicia, facendo fincapé na tradición das variedades autóctonas da nosa comunidade. Seguindo esta liña, subliñou tamén a recuperación das ladeiras históricas de viñedos como un feito clave para poñer en valor os viños con denominación de orixe, neste caso, o de Monterrei.

 

Ademais, neste contexto, o conselleiro puxo en valor o Plan Monterrei, ao que se referiu como un proxecto tractor de recuperación integral e sustentable para darlle maior cohesión ao territorio. Esta iniciativa pivota sobre os instrumentos de recuperación postos en marcha pola Consellería, como a aldea modelo de Infesta ou o polígono agroforestal de Vences, que lograron mobilizar ao redor de 65 hectáreas. Con todo, o Plan Monterrei prevé acadar as 4.000 hectáreas de viñedo, plantación de castiñeiro, horta e gandaría en extensivo.

 

Así mesmo, José González sinalou que a vindeira semana publicarase no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de concorrencia competitiva para a selección de propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas á aldea modelo de Infesta. Deste modo, valoraranse aqueles proxectos que busquen poñer en produción, de xeito sustentable, as terras abandonadas.

 

O titular do Medio Rural mencionou tamén a gran calidade dos viños desta zona e da comunidade en xeral, como unha característica intrínseca de Galicia. Por este mesmo motivo, segundo salientou, estase a traballar na Lei da calidade alimentaria, que procura salvagardar a continuidade do sector primario, de forma que a calidade sexa o gran referente. Deste xeito, o conselleiro recalcou outro dos proxectos que o Goberno galego ten postos en marcha para apoiar este eido, como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, para potenciar o cultivo de viñedo e mellorar a competitividade do sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2023