Turismo de Galicia e o concello do Carballiño asinan un convenio para impulsar o municipio como destino gastronómico

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega asinaron esta mañá o acordo que permitirá investir 1M€ para o impulso do territorio como destino enogastrónomico centrado na cultura do polbo.

O convenio enmárcase no Plan Territorial Enogastronómico de Galicia, financiado cos fondos europeos Next Generation
 

O Carballiño, 11 de agosto de 2023

Ás portas da celebración da 61ª edición da Festa do Pulpo de Carballiño, declarada de Interese Turístico Internacional, Turismo de Galicia e o Concello de Carballiño asinaron esta mañá o convenio para a execución do Plan De Sostibilidade Turística (PSTD) “O Carballiño e a gastronomía do polbo”, dotado cun orzamento de 1 millón de euros e execución ata 2025.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega, foron os encargados de asinar este convenio de colaboración ao abeiro do Plan Territorial Enogastronomía de Galicia, que está a despregar a Xunta de Galicia para impulsar o noso territorio como destino gastronómico de referencia.

Neste sentido, o director de Turismo de Galicia fixo fincapé no investimento con fondos europeos que se está a facer neste concello e no territorio do Ribeiro, que se beneficia de dous plans deste tipo, cun investimento total de 2,5M€ “que nos están a permitir consolidar o territorio Ribeiro-O Carballiño coma un destino turístico enogastronómico de referencia nacional, promovendo unha oferta turística cohesionada, ordenada e coordinada para o conxunto do destino aproveitando o tirón do AVE”.

Produto turístico arredor das pulpeiras

O proxecto do concello do Carballiño ten como obxectivo o de desenvolver a identidade e o posicionamento deste muncipio como destino gastronómico sustentable referente en Galicia, concentrándose no polbo como elemento central da oferta turística.

Deste xeito, as principais actuacións do PSTD buscan a converter a O Carballiño nun destino de referencia arredor da gastronomía do polbo a través de accións de mellora da contorna do Parque municipal e das ribeiras do Arenteiro, ampliación da senda do Arenteiro ata o Bañiño de Arcos ou a rehabilitación sostible das pallozas do campamento.

O proxecto completarse con actuacións de mellora da sinalización e do alumeado de espazos singulares da vila como o templo de Veracruz e a creación de produtos turístico de base enogastronómica con especial atención na visibilización da labor da actividade de pulpeiros e pulpeiras.

Plan Enogastronómico de Galicia

No marco deste segundo plan territorial impulsado pola Xunta de Galicia, estanse a investir 34,5M€ na consolidación do noso territorio como destino enogastronómico de referencia. Só na provincia de Ourense desenvolveranse un total de 4 plans de sustentabilidade turística que beneficiarán a 29 concellos cun investimento de 4M€.  

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2023