A data límite para a presentación de propostas é o vindeiro día 21 de agosto

A Xunta mantén aberto o prazo para que os concellos se acollan ás axudas para mellorar a accesibilidade nos seus edificios e espazos públicos

Destínanse máis de dous millóns de euros para avanzar na supresión de barreiras en concellos e mancomunidades que conten cun censo máximo de 10.000 habitantes

Financiaranse as actuacións que se executen desde o 1 de xaneiro ao 5 de decembro deste ano 2023
 

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2023

A Xunta mantén aberto o prazo ata o día 21 deste mes de agosto para que os concellos e as mancomunidades soliciten acollerse á nova orde de axudas para a mellora da accesibilidade e a supresión de barreiras en edificios, instalacións, equipamentos e espazos públicos. O Goberno galego destina máis de dous millóns de euros a esta convocatoria de subvencións que está dirixida a municipios que conten cun censo máximo de 10.000 habitantes.

Os requisitos e o procedemento para optar a estes fondos están publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 21 de xullo. Subvencionarase un único proxecto por concello e o importe da axuda poderá ser de ata o 100% do seu custo, cun límite máximo de 48.400 euros. Así mesmo, financiaranse as actuacións que se executen desde o 1 de xaneiro ao 5 de decembro deste ano 2023.

Entre as intervencións que se poderán acoller a estes fondos están, entre outras, aquelas que supoñan a mellora de entrada a inmobles e a adecuación de espazos públicos; a instalación de ascensores e ramplas; a habilitación de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida; a dotación de mobiliario urbano e equipamento municipal ou a colocación de sinalización, información e iluminación accesibles.

As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva. As solicitudes teñen que presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O 100% dos fondos desta convocatoria son con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia que financia a Unión Europea a través do programa NextGenerationEU.

 

Data de actualización: 12/08/2023