A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá os participantes nesta actividade, que xira ao redor da aldea didáctica ‘Sapere Aude’

A Xunta leva a súa campaña de verán para a mocidade a Vilar de Santos e Allariz cun novo campo de voluntariado de temática arqueolóxica e ambiental

Nesta proposta danse cita mozas e mozos entre os 18 e 30 anos de idade procedentes de Galicia e doutras Comunidades Autónomas

A través desta iniciativa contribúese a poñer en valor e difundir o castro de Saa e o castelo de San Salvador

Vilar de Santos (Ourense), 11 de agosto de 2023

A Xunta amplía este ano a súa campaña de verán cun novo campo de voluntariado que se está a desenvolver nos concellos de Vilar de Santos e Allariz, e no que se dan cita catorce mozos de entre 18 e 30 anos de idade procedentes de Galicia e doutros puntos de España: Albacete, Almería, Cantabria, Huelva, Madrid, Salamanca, Valencia e Biscaia. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo esta mañá cos participantes neste campo que leva por título ‘Sapere Aude’, nome da aldea didáctica creada no núcleo etnográfico de Saa, en Vilar de Santos

Cristina Pichel explicou que este campo de voluntariado ten como temáticas a arqueoloxía e o medioambiente e que, a través del, quérese contribuír a poñer en valor e difundir as peculiaridades culturais e naturais da zona. O traballo principal dos voluntarios realízase nos conxuntos do castro de Saa e castelo de San Salvador, onde tamén levan a cabo actividades de conservación ambiental.

As persoas participantes nesta actividade prestan o seu apoio en traballos de prospección arqueolóxica, fabrican e colocan caixas niño, limpan a vexetación da contorna para manter os enclaves patrimoniais e recuperar os camiños históricos, e elaboran un inventario da fauna e flora. O programa do campo complétase con rutas de sendeirismo pola serra do Xurés, visitas culturais e excursións a lugares de interese próximos, paseos en catamarán e actividades de caiac no canón do río Sil ou desfrutar das praias fluviais e da oferta termal da zonal. O campo comezou o pasado día 6 e se prolongará ata o xoves da vindeira semana.

A campaña de verán da Xunta deste ano 2023 volve bater todos os récords históricos con máis de 11.200 prazas en campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos e outras propostas —400 máis que o ano pasado—, sendo Galicia a Comunidade Autónoma que máis prazas oferta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2023