A Xunta apoia o noveno encontro de cacharreiros que se celebra no Museo da Olería de Niñodaguia ata o domingo

A Xunta colabora na novena edición do Encontro de Cacharreiros no que participan 8 ceramistas galegos e un de Portugal, ademais dun cesteiro e dun artesán do torneado de madeira

A programación inclúe demostracións, obradoiros e venda directa, ademais da actuación musical de Rocío Caamaño esta noite a partir das 21:00 horas
 

Ourense, 11 de Agosto de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén desprazouse esta mañá á Xunqueira de Espadanedo para participar na novena edición do Encontro de Cacharreiros, que se celebra entre hoxe e o domingo no Museo da Olería de Niñodaguia, que organiza o Concello de Xunqueira de Espadanedo e que conta coa colaboración da Xunta.

Entre os participantes deste ano atópanse dez profesionais de Artesanía de Galicia – entre os que se atopan 8 especializados na olería e na cerámica, un cesteiro e un torneiro de madeira – así como un oleiro de Portugal.

O delegado territorial detallou que os participantes son os oleiros de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) Agustín Vázquez e Enrique Cabana; o oleiro de Buño (Malpica de Bergantiños) Fran Gorín; os ceramistas Ana Méndez Cerámica (Pazos de Borbén), Olería do Batán (Baños de Molgas), Manuel Figueiras (Muros), Antón Román (Gondomar) e Susana González (A Coruña); así coma o cesteiro Carliños Cesteiro (Oia) e o torneiro Adrián Pena do obradoiro Xar Arte en Madera (Vigo). En representación da olería portuguesa participa o artesán Carlos Lima (Tondela, Portugal).

 

O Encontro de Cacharreiros, que se celebrará durante toda a fin de semana no Museo da Olería, está enfocado a impulsar a conservación e a posta en valor da olería tradicional galega, así como achegarlle á sociedade o oficio e os diferentes tipos de olería que se fan en Galicia.

 

O Encontro celébrase no Museo da Olería de Niñodaguia en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. O programa de actividades inclúe demostracións destes profesionais da olería, obradoiros abertos ao público, visitas guiadas ao Museo da Olería, así como a actuación musical de Rocío Caamaño que terá lugar hoxe venres a partir das 21:00 horas.

Co apoio a este tipo de iniciativas, a Xunta busca impulsar a divulgación e a posta en valor dos nosos oficios artesanais, de visibilizar a marca Artesanía de Galicia e de fomentar o relevo xeracional no sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2023