A Rede Galega de Praias Sen Fume conta xa con 224 areais libres de tabaco, tras incluír 10 máis

Un total de 80 municipios colaboran con este programa que reforza o respecto e coidado das praias e do medio ambiente

En xaneiro, a Xunta impulsou o programa Parques sen Fume, coa colaboración de 18 concellos
 

Cabanas (A Coruña), 11 de agosto de 2023 “A Rede Galega de Praias sen Fume conta xa con 224 areais libres de tabaco, logo de incluír 10 máis”. Dita rede, que ten un fin educativo e de sensibilización social, remarca a importancia da conduta da poboación adulta coa idea de que sirva de modelo para os máis novos. Así o destacou a directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán, na súa visita á praia da Magdalena, para dar conta das novas incorporacións á Rede Galega de Praias sen Fume, nun acto no que estivo acompañada do alcalde do Concello, Fernando Couce.

As dez praias que se engaden á rede son, ademais da Magdalena en Cabanas, as de Área Maior, Agrocovo, O Fogareiro, O Portiño do maio e Reimúndez, todas elas no Concello de Muros; e as do Espiñeiro, Mera, Naval-Santa Cruz e Santa Cristina no desaugadoiro do río, no Concello de Oleiros.

Carmen Durán sinalou que o Programa Praias sen Fume botou a andar no ano 2016, “sendo Galicia a primeira comunidade que puxo en marcha un proxecto deste tipo”. Os seus obxectivos inciden na promoción dunha vida sen tabaco, a desnormalización do seu consumo na sociedade e o respecto e o coidado das praias e do medio ambiente.

A directora xeral amosouse moi contenta cos resultados e confía en que “nos acheguen ao obxectivo da Xunta de reducir no 2027 a incidencia do consumo do tabaco diario na poboación adulta por baixo do 15% e nos adolescentes por baixo do 5%”.

A finais do pasado mes de maio a Xunta de Galicia presentou o Plan Inspira Saúde con medidas multidisciplinares para diminuír o consumo de tabaco, e Carmen Durán dixo que o Executivo galego traballa na creación dunha rede de apoio á cesación tabáquica, “co seguimento dos nosos profesionais especialistas en tabaquismo a través da plataforma tecnolóxica TELEA”. Este plan tamén tratará ao mesmo nivel que o tabaco convencional os dispositivos tipo vapeadores ou cigarros electrónicos.

Inspira Saúde, -remarcou a directora-, “supón continuar coas liñas que xa estabamos a aplicar. Así, coa vontade de ampliar os espazos libres de tabaco, en xaneiro creamos a Rede galega de Parques sen Fume, coa incorporación dos primeiros 18 concellos”.

Na súa intervención, Carmen Durán deu as grazas ao Concello de Cabanas, así como a todos os que forman parte da Rede de Praias sen Fume, “por axudarnos a reducir o impacto do tabaco nos nosos areais”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2023