A Xunta ofrece un local a 29 asociacións de carácter social no edificio de Benito Corbal

Agustín Reguera lembrou que a importancia de apoiar a estas asociacións en todo o posible debido ao seu gran impacto na vida da moitos cidadáns da provincia

Poñeranse a disposición destas entidades 22 salas de entre 20 e 27 metros cadrados e catro salas de 40 metros cadrados, todas elas con instalacións de climatización alumeado e tomas de corrente

Pontevedra, 11 de agosto de 2023

A Xunta ven de adxudicar 26 locais sociais a entidades e asociacións sen ánimo de lucro no edificio de Benito Corbal. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe que en total serán 29 as entidades beneficiarias, sendo que algunhas delas partillarán un mesmo espazo. Así, estas asociacións, que durante o pasado mes de xuño solicitaron poder facer uso destes locais contarán agora cun espazo que lles facilitará o labor de organización, xestión e dirección das súas actividades.

Tratase de 22 salas de ‘tipo A’ cunha superficie de entre 20 e 27 metros cadrados e outras catro de ‘tipo B’ duns 40 metros cadrados diáfanos e independentes nos andares terceiro e cuarto do inmoble, todas elas con instalacións de climatización, alumeado e tomas de corrente. Neste sentido, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, destacou a importancia de “facilitar o traballo destas asociacións todo o posible”, xa que, “o seu labor desinteresado axuda a millares de persoas na provincia”.

Xa no ano 2019 publicárase unha orde similar que se resolveu coa adxudicación a 28 asociacións, unha menos que as beneficiarias na presente convocatoria, sendo que ditas adxudicacións teñen unha duración de catro anos e son improrrogables.

Cabe destacar que para solicitar un destes locais, todas as entidades beneficiarias debían estar legalmente constituídas e inscritas no rexistro público correspondente. Ademais, debían ter domicilio social no Concello de Pontevedra, ou nos municipios limítrofes e da bisbarra e, de non ser así, acreditar que a meirande parte da súa actividade desenvolvese nestas zonas. Ademais, só poden ser beneficiarias organizacións sen ánimo de lucro cuxos fins sexan de interese social, cultural, deportivo, sanitario ou outros de relevancia social.

Entidades beneficiadas

Entre as entidades que finalmente contarán cun local propio no edificio de Benito Corbal atópanse a Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra; a Federación de Persoas Xordas de Galicia; a Cruz Roja Española; A Asociación de Sordos de Galicia “XOGA”; a Asociación Amicos; a Fundación Miniños; a Asociación ALCER; a Asociación Filantrópica Inclusión Social Activa; Aromon Pontevedra Montañeiros a Roelo; Asociación Socio Sanitaria Enfermedades Inflamatorias Intestinales y Ostomizados (ASSEII); Asociación Red Madre Pontevedra; Fundación Amigos de Galicia; Sociedad Deportiva Teucro Pontevedra; Peña La Boina; Asoc. Cultural Amigos del Camino Portugués; Club de Waterpolo Pontevedra; Asociación a Mochila da Luz dos Camiños de Santiago; Cofradía Ntra. Señora del Refugio “La Divina Peregrina”; Asociación Teatral Pavis Pavos; Asociación Etnográfica Sete Espadelas; Asociación Cultural Gaiteiros Os De Algures; Asociación de Amas de Casa y Consumidores Rías Baixas; Asociación Jóvenes Empresarios De Pontevedra; Asociación Diagnosticados De Cancro de Mama (ADICAM); Asociación Solidaria Galicia (ASDEGAL); Asociación Cultural Trepia; Agrupación Folklórica Celme; Asociación Parkinson de la Provincia de Pontevedra; Asociación Oficina de Voluntariado.

Inmoble rehabilitado

A rehabilitación do edificio administrativo da Xunta situado en Benito Corbal permitiu poñer a disposición da cidadanía unha superficie de case 6.000 metros cadrados. As tres primeiras plantas -baixa, primeira e segunda- reserváronse ás oficinas de emprego; as dúas seguintes -terceira e cuarta- a locais para entidades e asociacións de interese social, cultural e sanitario; as tres seguintes -quinta, sexta e sétima-, están orientadas á Universidade de Vigo; mentres que a oitava e última son para unha cesión a prol da Fundación Manuel Moldes. Ademais, habilitáronse outros espazos de usos xerais como un salón de actos, que xa ten acollido varios eventos.

A Xunta recuperou así para os pontevedreses un edificio no centro da cidade, un espazo moderno e versátil que é, ademais, eficiente enerxeticamente, en tanto que emprega tecnoloxías como caldeiras de biomasa para calefacción, bombas de calor aire-auga ou unha instalación solar fotovoltaica para a xeración de electricidade.

Data de actualización: 11/08/2023