Ata 900 alumnos galegos poderán integrarse no sistema educativo doutros países a través do programa EduExchanges

Esta iniciativa promove o intercambio entre estudantes para crear e consolidar proxectos de cooperación educativa

Poderán participar 45 centros, cun máximo de 20 estudantes cada un deles

Os rapaces estarán acompañados por un docente, que realizará observación no centros estranxeiro para fomentar a aplicación de metodoloxías innovadoras

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2023

Un total de 900 alumnos galegos poderán integrarse no sistema educativo doutros países a través do programa EduExchanges, de promoción dos intercambios entre estudantes para crear e consolidar proxectos de cooperación educativa e asociacións entre as distintas partes.

O alumnado galego participante deberá estar acompañado polo profesorado designado polo centro educativo para tal efecto, que realizará observación directa no centro educativo estranxeiro durante a súa estadía. A través de dita observación doutras metodoloxías e o seu impacto nos procesos de aprendizaxe do alumnado, potenciarase o traballo conxunto e fomentarase a reflexión sobre actuacións innovadoras, que redundarán no establecemento de proxectos comúns.

 

Poderán beneficiarse desta convocatoria os alumnos de 6º de Primaria, ESO e 1º de Bacharelato de centros educativos públicos que desenvolvan programas de intercambio durante o curso 2023/2024. A lingua vehicular do intercambio pode ser a primeira ou a segunda lingua estranxeira cursada polo alumnado

 

O centro educativo será o encargado de chegar a acordo cun centro estranxeiro co que levar a cabo este proxecto e o encargado de seleccionar ao alumnado participante. O acordo debe ser previo á solicitude e o réxime será de residencia coa familia do alumno de intercambio estranxeiro.

 

O prazo para solicitar a participación neste programa estará aberto ata o 25 de setembro e as peticións deberán formalizarse a través da aplicación de Programas Educativos. Poderán participar ata 45 centros, cun máximo de 20 alumnos cada un deles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/08/2023