O obxectivo da intervención é aumentar a eficiencia enerxética das instalacións e a comodidade das persoas usuarias

A Xunta investirá 258.000 euros na mellora do centro sociocomunitario de Muros

As empresas interesadas en executar as obras teñen ata o vindeiro día 18 deste mes de agosto para presentar as súas propostas
 

Renovaranse a cuberta e as carpinterías da planta baixa do inmoble, substituiranse os aseos existentes por outros accesibles e instalarase un novo sistema de calefacción
 

Muros (A Coruña), 9 de agosto de 2023

A Xunta de Galicia investirá 258.000 euros en mellorar as instalacións do centro sociocomunitario de Muros, pertencente á rede pública autonómica. As obras están nestes momentos en fase de licitación e as empresas interesadas en executalas teñen de prazo ata o venres da vindeira semana, día 18 de agosto, para presentar as súas propostas.

O obxectivo desta actuación é mellorar a eficiencia enerxética do centro, así como a comodidade das persoas que acoden diariamente ao mesmo. A intervención contempla a reforma completa da cuberta, incluído o illamento térmico e a renovación das carpinterías da planta baixa do inmoble. Tamén se adaptarán os aseos do centro a persoas con mobilidade reducida e se instalará un novo sistema de calefacción.

O prazo previsto para executar estas melloras é de cinco meses, unha vez que comecen os traballos.

Data de actualización: 09/08/2023