A Xunta destina 350.000 euros á promoción da lingua galega en 68 concellos e agrupacións locais

As axudas buscan apoiar a creación, o reforzamento e o mantemento dos servizos lingüísticos, así como as programacións municipais

O prazo de xustificación das subvencións concedidas remata o 20 de outubro
 

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2023

A Xunta destina 350.000 euros á promoción da lingua galega en 68 concellos e agrupacións locais a través dunha convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para fomentar a prestación dun servizo lingüístico e promover a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega este 2023.

 Con este apoio, as entidades beneficiarias prestaranlle á poboación servizos lingüísticos baixo algunha das tres modalidades obxecto de subvención: a creación dunha unidade técnica de traballo, o mantemento das xa existentes ou a implantación de programas de dinamización lingüística.
 
Os concellos ou agrupacións destes que resultaron beneficiarios terán a posibilidade de imputar os gastos derivados das accións normalizadoras que se realicen no período que vai desde o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2023. Pola súa parte, o prazo de xustificación das axudas concedidas remata o 20 de outubro deste ano polo que, para recibir as contías correspondentes, os beneficiarios deberán remitirlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística, co límite da dita data, a documentación xustificativa dos gastos realizados.
 
A resolución co listado das entidades locais beneficiarias e as contías correspondentes a cada unha, así como a orde da convocatoria das subvencións con toda a información necesaria, pode consultarse no Portal da Lingua Galega.
 

A convocatoria enmárcase nas accións de promoción do galego desde o ámbito local que desenvolve a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, entre as que destacan a Rede de Dinamización Lingüística, que integra máis de 200 entidades, e os programas e as iniciativas asociadas a ela.

 

Data de actualización: 09/08/2023