A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os participantes nestas actividades que forman parte da campaña de verán

A Xunta desenvolve na Illa de San Simón un campamento e un campo de voluntariado de temáticas cultural e ambiental

A illa das historias é o nome do campamento que por primeira vez se desenvolve no complexo cultural deste espazo e a súa programación inclúe obradoiros de educación ambiental e de creación artística e literaria

No campo de voluntariado realízanse visitas teatralizadas, así como tarefas de limpeza das marxes marítimas e de conservación do patrimonio
 

Redondela (Pontevedra), 8 de agosto de 2023

A Xunta leva á illa de San Simón un campamento e un campo de voluntariado de temáticas cultural e ambiental. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá os participantes nestas actividades, que forman parte da campaña de verán posta en marcha polo Goberno galego.

A illa das historias é nome do novo campamento xuvenil que por primeira vez se desenvolve no complexo cultural da Illa de San Simón. Desde o día 3 de agosto e ata pasado mañá, xoves, os participantes nesta actividade desfrutan de actividades náuticas e de educación ambiental. Ademais, realizan obradoiros para o coñecemento da tradición marítimo-pesqueira local, así como de creación artística e literaria.

Pola súa banda, no campo de voluntariado danse cita catorce persoas procedentes de Galicia, País Vasco, Estremadura, Canarias e Castela e León. Durante a súa estadía realizan visitas interpretativas e teatralizadas polas illas de San Simón e San Antón, o que lles permite coñecer dun xeito lúdico e educativo o pasado e presente destes enclaves, que ao longo da historia foron testemuña de traxedias e avatares marítimos, refuxio monacal, lazareto para doentes infecciosos ou cárcere.

Traíñas, bateis e observacións astronómicas

Ademais, os voluntarios levan a cabo intervencións medioambientais, coa limpeza das marxes marítimas, e apoian as tarefas de conservación do patrimonio deste espazo, declarado Ben de Interese Cultural e integrante da Rede Natura 2000 como hábitat natural europeo protexido. O programa desta experiencia de verán complétase coa iniciación a dous deportes náuticos tradicionais como son as traíñas e os bateis, observacións astronómicas e visitas aos municipios da contorna.

A campaña de verán da Xunta para este ano 2023 é a máis ampla con máis de 11.200 prazas en distintas actividades, pero tamén e a máis variada e accesible. Nela ofrécense actividades para todas as idades e gustos como campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos ou intercambios con outras Comunidades. O obxectivo e que a mocidade pase uns días de aprendizaxe e diversión e que os pais conten cun servizo de conciliación para esta época estival.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/08/2023