A Xunta licita a redacción do proxecto da 2ª fase do acondicionamento da estrada LU-651 entre Folgoso do Courel e Seoane

O obxectivo é darlle continuidade ás obras en execución nesta vía autonómica, actuando entre os puntos 21+600 e 29+750 cun orzamento de máis de 6M€

O proxecto deseñará as obras necesarias para ampliar a plataforma da estrada para acadar dous carrís de circulación de 3 metros de anchura; a renovación dos firmes en todo o treito; e a construción de varios muros de sostemento

A Xunta está a executar as obras da 1ª fase de mellora da estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane, no concello de Folgoso do Courel, cun investimento de 3,4M€

A redacción do proxecto desta 2ª fase de mellora enmárcase nun contrato de servizos máis amplo, para a redacción de proxectos da Axencia Galega de Infraestruturas, que prevé un investimento global de 4 M€ e está dividido en 4 lotes, un por provincia

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 7 de setembro
 

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2023 A Xunta licitou a redacción do proxecto da 2ª fase do acondicionamento da estrada LU-651 entre Folgoso do Courel e Seoane.

A redacción deste proxecto suporá un investimento estimado de máis de 46.000 euros e enmárcase nun contrato de servizos máis amplo, para a redacción de proxectos da Axencia Galega de Infraestruturas, que xa foi licitado.

O obxectivo é darlle continuidade ás obras en execución no treito comprendido entre os puntos quilométricos 29+750 e 33+180. Así, a redacción do proxecto abranguerá o tramo entre os puntos 21+600 e 29+750, actuación para a que se estima necesario un investimento  que superará os 6 M€.

Este proxecto debe detallar as obras necesarias para acometer a ampliación da plataforma da estrada, permitindo asegurar dous carrís de circulación de 3 metros de anchura; a renovación dos firmes en todo o treito; ou a construción de varios muros de sostemento.

Tamén se proxectarán intervencións para mellorar a seguridade viaria e a drenaxe da plataforma.

No tramo entre os puntos quilométricos 25+430 e 25+550 é necesario proxectar unha solución que voe a media ladeira, sobre o val do río Lor.

Cómpre lembrar que a Xunta está a executar as obras da 1ª fase de mellora da estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane, no concello de Folgoso do Courel, cun investimento de 3,4 M€. Esta actuación posibilitará ampliar a vía autonómica nese treito de 3,5 km, dotándoa de 2 carrís de 3 metros de ancho e beiravías de 50 centímetros e tamén de cunetas de seguridade transitable. Tamén se van rectificar curvas e ampliar 2 pontóns.

Contrato máis amplo

A redacción do proxecto da 2ª fase de mellora da LU-651 forma parte dun contrato de servizo máis amplo de apoio á redacción de proxectos que desenvolve a Axencia Galega de Infraestruturas, licitado por un investimento global de 4 M€ e que abrangue as catro provincias.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas a algún dos 4 lotes que inclúe o contrato ata o vindeiro 7 de setembro.

O contrato licitado ten como obxectivo prestar servizo de apoio técnico na redacción de proxectos para a realización de actuacións que executa a Axencia Galega de Infraestruturas.

O contrato inclúe a redacción de proxectos de trazado e construtivos e de proxectos máis sinxelos, como os de mellora do firme das estradas, de incremento da seguridade viaria ou de execución de itinerarios peonís e ciclistas; pero tamén de proxectos máis complexos que levan aparelladas estruturas, proxectos de urbanización e humanización de travesías en treitos urbanos das estradas da Xunta ou incluso para infraestruturas de novo trazado.

Así o contrato permitirá atender as redaccións dos proxectos necesarias para os próximos anos en materia de mobilidade sostible, seguridade viaria ou conservación, sen prexuízo de que para proxectos grandes se liciten contratos de redacción independentes, como o caso da autovía Nadela-Sarria.

Co fin de facilitarlles aos licitadores a presentación das súas ofertas, o contrato recolle a valoración de proxectos singularizados, como a redacción do proxecto do novo acceso ao hospital de Ourense desde a N-525, que suporá un investimento estimado de 5 M€, ou a redacción do proxecto da 2ª fase de mellora da estrada LU-651 en Folgoso do Courel.

Data de actualización: 08/08/2023