A Xunta destinou nos últimos anos ao Concello de Frades máis de 460.000 euros para mellorar as súas infraestruturas rurais

O conselleiro do Medio Rural reuniuse co alcalde deste concello coruñés, Roberto Rey, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas relativas ao agro

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, reuniuse co alcalde do concello de Frades, Roberto Rey, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas relativas ao agro deste municipio coruñés.

Así, no referente á mellora de infraestruturas rurais, o conselleiro salientou que dende o ano 2016 se destinaron máis de 460.000 euros ao concello de Frades a través do Plan Marco de mellora de camiños rurais, o cal ten como obxectivo a cohesión territorial e social dos núcleos rurais, mellorando desta forma a calidade de vida e traballo no medio rural, así como a accesibilidade e a vertebración do territorio. Precisamente, na convocatoria deste ano 2023-2024 foille concedida unha achega de case 62.400 euros para o arranxo do camiño que une Tañoi coa Cruz do Canedo (Abellá), entre outros.

Neste senso, José González indicou que nos últimos oito anos, concedéronse axudas a través deste Plan para actuar sobre máis de 5.450 camiños, acadando unha lonxitude de máis de 4.280 km de vías rurais melloradas en toda Galicia, por importe de máis de 130 millóns de euros. Así, o titular de Medio Rural recolleu as peticións do rexedor para avaliar a posibilidade de acondicionar dúas pontes, unha delas que une co concello de Boimorto e a outra que une co de Ordes.

Precisamente, relativo á vertebración do territorio, o titular de Medio Rural trasladoulle ao rexedor a posibilidade de levar a cabo permutas voluntarias de interese agrario, que xunto a outros instrumentos de mobilización de terras impulsados pola Lei de recuperación permiten unha maior participación dos interesados na explotación das terras. De feito, lembroulle, desde a entrada en vigor desta norma -en maio de 2021-, estanse a mobilizar en Galicia arredor de 10.000 hectáreas de superficie.

Así mesmo, cabe salientar que o concello de Frades ten rematadas xa un total de 19 concentracións parcelarias, as cales permitiron reorganizar unha superficie de algo máis de 7.700 hectáreas. Desta forma, mellorouse a estrutura territorial das parcelas, incrementado a súa superficie media, o que deriva nunha redución dos custos de produción das explotacións da zona.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/08/2023