A Xunta achega 154.000 euros para o desenvolvemento do programa Acougo da Fundación Monte do Gozo

Esta iniciativa diríxese a persoas con patoloxía dual, que é a concorrencia nunha persoa dun trastorno por abuso de substancias psicoactivas e calquera outro trastorno psiquiátrico asociado
 

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, achega este ano 154.000 euros para o desenvolvemento do programa ‘Acougo’ no Proxecto Home, que desenvolve a Fundación Monte do Gozo. Esta iniciativa diríxese de maneira específica a persoas diagnosticadas con trastornos psiquiátricos derivados do abuso do consumo de substancias psicoactivas, sendo os máis comúns a esquizofrenia, o trastorno de límite de personalidade, o trastorno bipolar ou a obsesión compulsiva.

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, abordou hoxe co director—xerente da Fundación Monte do Gozo, Ramón Gómez, a continuidade deste programa. O obxectivo de ‘Acougo’ é a atención, rehabilitación e reinserción social e que se desenvolve en réxime residencial ou semirresidencial, dependendo da autonomía das persoas usuarias e da súa situación familiar.

O Goberno galego financia o 100% do custe correspondente a nove prazas. A través desta proposta préstase unha atención personalizada e inclúe a participación en grupos de autoaxuda, seminarios educativos—formativos, obradoiros ocupacionais e para a adquisición de habilidades sociais, actividades físico—deportivas e grupos e seminarios familiares, entre outras intervencións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/08/2023