A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, acompañou un grupo de estudantes na súa partida desde a Cidade da Cultura

Case 640 alumnos de Bacharelato viaxan este mes a Canadá, Reino Unido, Francia, Alemaña e Portugal para mellorar as súas competencias en idiomas

Permanecerán tres semanas no país estranxeiro correspondente para avanzar nos seus coñecementos en inglés, francés, portugués ou alemán


A actividade, enmarcada na Estratexia Edulingüe 2030, inclúe unha axuda da Xunta para sufragar ata o 87% do custo destas estancias
 

Santiago de Compostela, 8 de agosto de xuño de 2023 A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Judith Fernández, acompañou hoxe un grupo de 228 estudantes dos dous cursos de Bacharelato na súa partida desde a Cidade da Cultura cara a estadía lingüística que van desenvolver en Canadá. A expedición forma parte dos case 640 alumnos desta etapa que viaxan este mes a este país, a Reino Unido, Francia, Alemaña e Portugal para gozar das bolsas da Xunta de Galicia para mellorar as competencias destes estudantes en linguas estranxeiras, no caso deste grupo en inglés.

Dos estudantes seleccionados, 372 veñen de cursar 1º de Bacharelato e os 267 restantes fixeron 2º curso desta etapa no curso 2022/23. Por países, 335 alumnos viaxan a Reino Unido, 228 a Canadá, 60 a Francia, 10 a Alemaña e seis a Portugal.

A representante da Consellería puxo en valor este programa, “que permite aos rapaces non só formarse en idiomas, senón tamén convivir con outras culturas e persoas de diferentes nacionalidades”. “Estamos a falar dunha experiencia de integración completa nun país estranxeiro que van ter, de seguro, unha repercusión moi positiva para estes alumnos, tanto no nivel persoal como no académico, de xeito transversal”, destacou a directora xeral.

Non en balde, o propósito desta iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2030, non é só que o alumnado asistente aprenda un idioma estranxeiro, senón tamén entrar en contacto con outras linguas, persoas, culturas e realidades. Deste modo, favorécese o acceso a un mercado laboral cambiante e contribúese de xeito moi significativo ao desenvolvemento académico e persoal do alumnado.

Preto de 2M€ de orzamento

As estadías teñen unha duración de tres semanas en réxime residencial ou familiar e desenvólvense neste mes de agosto. O programa inclúe unha axuda para as familias a través da que se sufraga entre o 87% e o 50% do custo das estancias dos estudantes nos devanditos países, cun orzamento total que ascende a preto de 2M€.

Deste xeito, a Xunta faise cargo de parte dos gastos de contratación dos monitores que acompañan a cada grupo, mantemento e aloxamento, traslados para actividades, docencia e material escolar, actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos, seguros de accidentes e certificado de realización do curso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/08/2023