A policía autonómica e gardacostas comisan 59 quilos de ameixa en Ferrol

É o resultado dun operativo contra o furtivismo na zona da Graña o pasado 3 de agosto

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2023

Axentes da Policía Autonómica de Santiago, xunto con axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, comisaron o pasado 3 de agosto 59 quilos de ameixa no marco dun operativo de loita contra o furtivismo na zona da Graña, en Ferrol.

A actuación tivo lugar no decurso dos labores de inspección da costa, que permitiron localizar sete persoas extraendo ameixa con raños sen a habilitación correspondente. Como resultado, todas elas foron identificadas e tramitáronse as respectivas denuncias por presunta infracción da Lei de pesca de Galicia. Tamén se requisaron varios raños. 

O operativo enmárcase no reforzo realizado pola Policía Autonómica no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/08/2023