A Xunta concede preto de 1,2 M€ a máis de 200 empresas e persoas autónomas para promover a igualdade, a conciliación e a responsabilidade social empresarial

O DOG publica hoxe a resolución da convocatoria que prevía apoios de ata 9.000 euros para medidas de flexibilidade horaria ou de fomento do teletraballo e de ata 20.000 euros para os investimentos precisos que garantan o traballo en remoto

Con estas medidas, o Goberno galego busca impulsar tamén a implantación de plans de igualdade nas empresas e de medidas de Responsabilidade Social Empresarial (RSE)

Desde 2017 mobilizáronse uns 11 millóns de euros no marco deste programa, o que permitiu atender máis de 1.500 solicitudes

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución de axudas convocadas este ano para micropemes, pemes e persoas traballadoras autónomas con persoal contratado co gallo de impulsar a implantación de medidas de igualdade laboral, de conciliación e de Responsabilidade Social Empresarial (RSE). En concreto, un total de 204 beneficiarios recibirán preto de 1,2 millóns de euros no marco das tres liñas de achegas.

Así, ao abeiro da primeira, para fomentar a elaboración e posta en marcha de plans de igualdade, concedéronse preto de 120.000 euros a un total de 32 beneficiarios. Na segunda, que promove a implantación de medidas de conciliación, teletraballo e flexibilidade horaria, repartiranse máis de 900.000 euros entre 130 firmas. Por último, 42 empresas recibirán máis de 135.000 euros para poder optar a certificacións en materia de RSE que recoñezan as súas boas prácticas.

Cabe lembrar que para a elaboración de plans de igualdade, a Xunta de Galicia prevía apoios, que se bareman en función do tamaño da empresa e dos cadros de persoal, que podían chegar ata os 22.000 euros de ter máis de 20 persoas empregadas e que se destinarán, de ser o caso, á contratación de profesionais expertos en igualdade, á realización dunha diagnose previa á elaboración dun plan de igualdade, para cubrir gastos da propia elaboración do plan e para a implantación das medidas contidas nel.

Doutra parte, o Goberno galego apoia a conciliación da vida laboral, familiar e persoal con incentivos para o fomento do teletraballo (2.000 euros por persoa traballadora, cun máximo de 8.000 euros por empresa) e a flexibilidade horaria (8.000 euros por firma). Estes apoios increméntanse en 1.000 euros para profesionais ou empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

Inclúense neste segundo paquete de achegas as destinadas á adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten a implantación efectiva do traballo a distancia, coas que se financiará ata o 80% do investimento con tope de 1.500 euros por persoa empregada beneficiaria e co límite máximo por empresa situado nos 20.000 euros. Ao igual que no caso anterior, a axuda aumentará nun 10% naquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

En terceiro lugar, este programa de Promoción do Emprego e Igualdade apoia as empresas e o traballo autónomo na obtención de normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial (RSE) financiando o 80% dos custos do proceso de certificación e/ou verificación ata un máximo de 2.000 euros por entidade.

A Xunta leva mobilizados neste programa de axudas para a igualdade laboral uns 11 millóns de euros desde 2017, tendo beneficiado máis de 1.500 empresas nestes anos.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230808/AnuncioG0656-280723-0003_gl.html

Data de actualización: 08/08/2023