A Xunta comeza hoxe as obras de mellora do firme na variante de Vilagarcía de Arousa

A actuación forma parte do contrato de acondicionamento da capa de rodaxe en 5 estradas autonómicas ao paso polas comarcas do Salnés e de Pontevedra, cun investimento de máis de 2M€

Os traballos que veñen de iniciarse na VG-4.7 comprenden actuacións en algo máis de 7,5 km da vía, nos concellos de Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis

Intervirase tamén nas vías VG-4.1, AG-4.1, PO-531 e PO-306 ao paso polos municipios de Sanxenxo, O Grove, Barro, Meis, Pontevedra e Poio

As actuacións, cun prazo de execución de 9 meses, consisten na rehabilitación do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, completado coa reposición de marcas viarias e de captafaros

Inclúense outras actuacións adicionais na VG-4.1, de corrección da rasante en treitos anterior e posterior a algunhas estruturas da vía
 

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2023

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou hoxe as obras correspondentes ás actuacións de mellora do firme na Variante de Vilagarcía de Arousa (VG-4.7).

As actuacións nesta vía forman parte do contrato de acondicionamento da capa de rodaxe previsto en 5 estradas autonómicas ao paso polas comarcas do Salnés e de Pontevedra, que suporán un investimento de máis de 2 M€.

O obxectivo deste contrato é rehabilitar varios treitos das estradas de titularidade da Xunta VG-4.1, AG-4.1, PO-531 e PO-306 no seu transcurso polos municipios de Sanxenxo, O Grove, Barro, Meis, Pontevedra e Poio; e na VG-4.7, por onde comezaron hoxe estas obras.

En concreto, nas obras iniciadas hoxe na Variante de Vilagarcía, os traballos realizaranse entre o quilómetro 0 e o 7+540, nos concellos de Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis.

Tamén se actuará na VG-4.1, Sanxenxo (AG-4.1) – A Lanzada (PO-308), do punto quilométrico 19+400 ao 26+000, no concello de Sanxenxo.

Na AG-4.1 en Curro, intervirase entre os quilómetros 0+760 e 3+000, discorrendo por Barro e Meis; na estrada PO-531, Pontevedra-Baión, desde o quilómetro 0+000 ao 16+000, nos concellos de Pontevedra, Poio, Barro e Meis; e na PO-316, A Lanzada-Ardia, desde o quilómetro 1+900 ao 4+500, no concello do Grove.

As intervencións, cun prazo de execución de 9 meses, consisten na rehabilitación superficial do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, completándose coa reposición de marcas viarias en todo o treito da actuación, colocación de elementos e reposición de captafaros.

Ademais, executaranse outras actuacións adicionais, de corrección da rasante en treitos anterior e posterior a algunhas estruturas da vía VG-4.1 situadas nos puntos quilométricos 19+400, 19+600, 19+850 e 20+950.

Imaxes relacionadas

Documentos relacionados

Data de actualización: 07/08/2023