A Xunta presenta o novo número da revista de estudos xacobeos ‘Ad Limina’, centrado no Camiño de Santiago en Cataluña

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o responsable da S.A Xacobeo, Ildefonso de la Campa, participaron esta mañá na presentación da publicación máis prestixiosa da cultura xacobea

Ad Limina chega ao seu número 14 cun monográfico centrado no Camiño de Santiago en Cataluña

Creada con motivo do Xacobeo 2010 publícase anualmente en aberto e pode consultarse en papel ou en dixital na web caminodesantiago.gal
 

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2023

 

O Centro Internacional de Acollida ao Peregrino acolleu hoxe a presentación do novo número da revista especializada na cultura xacobea Ad Limina, que chega ao seu decimocuarto número.

Coordinada polo profesor Carles Sánchez Márquez, da Universitat Autònoma de Barcelona e Museu de Terrasa, conta con nove traballos de investigación arredor de Cataluña e o Camiño de Santiago, ademais doutras novas investigacións e recensións de publicacións.

“Trátase da publicación máis prestixiosa do mundo en materia xacobea, publicados en galego, castelán, inglés, francés, italiano ou portugués, e de carácter dixital, aberta e gratuita” destacou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen puxo en valor a publicación editada por Turismo de Galicia e a Sociedade Anónima do Xacobeo como unha referencia científica ineludible, dada a alta calidade dos artigos que desenvolve.

Promovida polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago

Creada no Xacobeo 2010 pola S.A Xacobeo como revista de investigación sobre o Camiño de Santiago e as peregrinacións, o prestixio de Ad Limina conta cunha versión impresa e outra dixital que lle permite unha ampla difusión e o recoñecemento internacional da alta calidade dos traballos que leva publicados ao longo destes 14 números.

Desde a súa creación está vinculada ao Comité de Expertos do Camiño de Santiago, que ten en Paolo Caucci o seu presidente de honra e que tomou parte no acto de presentación desta mañá xunto co responsable da S.A Xacobeo, Ildefonso de la Campaña, o da cultura xacobea, Francisco Singul e o presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño, Ángel Trabada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2023