A Xunta convoca axudas por 5,6 M€ para a mellora de instalacións de tratamento de residuos por parte de entidades privadas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras desta convocatoria, destinada a empresas, autónomos, asociacións e fundacións

O obxectivo é avanzar na consecución dos obxectivos comunitarios de preparación para a reutilización e reciclado, previndo a xeración de residuos así como a redución dos refugallos municipais destinados ao seu depósito en vertedoiro

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2023

A Xunta de Galicia destinará 5,6 millóns de euros á concesión de axudas a empresas, autónomos, asociacións e fundacións para a execución de melloras nas plantas de triaxe e tratamento existentes ou proxectos para a construción de novas instalacións así como para o desenvolvemento de actividades de preparación para a reutilización dos residuos domésticos.

Segundo a orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, estas axudas, que serán cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, teñen a finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos e avanzar na consecución dos obxectivos comunitarios de preparación para a reutilización e reciclado, previndo a xeración de residuos así como a redución dos refugallos municipais destinados ao seu depósito en vertedoiro.

Máis polo miúdo, esta convocatoria de axudas, que se concederán por concorrencia competitiva e cuxo prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir de mañá, martes 8 de agosto, e ata o 7 de setembro, conta con catro liñas de financiamento destinadas a proxectos de nova construción, ampliación ou mellora de instalacións de preparación para a reutilización (PxR) así como para actuacións en plantas de triaxe e clasificación de envases.

A primeira liña está dirixida a fundacións e asociacións e financiará ata o 90% do custo total do proxecto de construción, ampliación ou mellora de instalacións de PxR. No caso da segunda liña, o obxecto do financiamento será o mesmo, pero está destinada a autónomos e empresas e a axuda cubrirá ata o 60% do custo do proxecto.

No que atinxe ás liñas 3 e 4, tamén están dirixidas a autónomos e empresas, e as axudas non poderán exceder o 40% do custo total da actuación. A liña 3 financiará proxectos para a implementación de melloras nas instalacións de triaxe e clasificación de envases co obxectivo de maximizar o aproveitamento dos materiais contidos nos residuos de envases lixeiros que se recollan de forma separada e que se traten en instalacións de separación mecánica. No caso da liña 4, a finalidade será mellorar as instalacións de tratamento existentes para incrementar a súa eficacia na recuperación de materiais contidos nos residuos municipais que se recollan de forma mesturada.

Data de actualización: 07/08/2023