A Xunta concluirá este ano as obras de mellora do Hospital de Valdeorras tras un investimento de preto de 2 millóns de euros

O conselleiro de Sanidade visitou neste días a nova área de cirurxía maior ambulatoria, que entrará en funcionamento de inmediato, e a actuación na zona de consultas externas que rematará en outono

Destacou a posta en funcionamento dun novo TAC nas pasadas semanas como exemplo dun investimento de 1,5 millóns de euros en equipamento para o centro

Comesaña lembrou tamén a incorporación, á volta do verán, de 21 novos especialistas a este hospital grazas ao concurso de méritos promovido polo Goberno galego

O Barco de Valdeorras, 7 de agosto de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou nestes días as obras de mellora que a Xunta de Galicia está a concluír no Hospital Público de Valdeorras. Na visita, na que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Félix Rubial, e o director do distrito sanitario de Valdeorras, Alberto Pedrera, Comesaña comprobou o estado da nova área de Cirurxía Maior Ambulatoria, que entrará en funcionamento de inmediato e permitirá incluír máis procedementos cirúrxicos ao mellorar as zonas de preparación e de recuperación, e que facilita unha visión directa dos pacientes desde o control de enfermería.

A posta en servizo desta nova área conclúe un contrato de obras de mellora adxudicado en 2021 por importe total de 1,2 millóns de euros, e que xa supuxo a posta en funcionamento, o pasado decembro, dun renovado hospital de día para os pacientes onco-hematolóxicos e, en marzo deste ano, dunha nova farmacia hospitalaria.

Comesaña visitou tamén a zona de consultas externas, na que se está a rematar unha actuación por valor de 650.000 euros encomendada á empresa pública Tragsa. Acompañado dos responsables desta compañía, o conselleiro comprobou os avances desta obra, que xa superou a primeira fase e que concluirá neste outono. Esta actualización da área de consultas externas implicará a dotación dun sistema de quenda, a instalación dun novo ascensor-montacamas e a mellora do confort térmico da área de rehabilitación e das zonas de espera, instalando nos accesos unha cortina modular de aire con control intelixente e portas corredizas automáticas.

A posta en marcha desta nova área suporá tamén a incorporación, na área de oftalmoloxía, de equipos como un tomógrafo ou un biómetro, indicados para diagnosticar a dexeneración macular ou a retinopatía diabética. Diagnósticos estes que, por primeira vez, vanse poder realizar en Valdeorras sen necesidade de desprazarse a Ourense.

Melloras en equipamento

Os equipamentos desta nova zona de consultas externas súmanse aos investimentos de 1,5 millóns de euros que a Xunta executou ao longo desta lexislatura no hospital valdeorrés.

O conselleiro de Sanidade quixo exemplificar esta aposta na recente entrada en funcionamento neste hospital dun novo equipo TAC por valor de 300.000 euros, que está a permitir mellorar calidade de imaxe, minorar as doses de radiación, reducir a sensación de agobio nos pacientes e aumentar a velocidade na realización das probas, o que facilita ampliar a capacidade asistencial.

Xunto ao novo TAC, o Sergas dotou nos últimos anos a este hospital dun equipo radiocirúrxico; novos ecógrafos para os servizos de urxencias, radiodiagnóstico e xinecoloxía; unha nova máquina de anestesia ou a renovación das estacións de quirófano e das lámpadas cirúrxicas, así como o equipamento da nova farmacia hospitalaria e a xa concluída renovación de 106 camas, mesiñas e sillóns en todas as habitacións do hospital.

21 novos profesionais para cubrir prazas vacantes

O conselleiro de Sanidade trasladou aos responsables de área sanitaria e do distrito valdeorrés a próxima resolución, á volta do verán, do concurso de méritos convocado pola Xunta para cubrir prazas vacantes de difícil cobertura nos hospitais comarcais e que inclúe 21 prazas para o Hospital Público de Valdeorras.

Así, nos vindeiros meses, incorporaranse ao hospital dous novos especialistas en hematoloxía, dous de xinecoloxía e obstetricia, dous internistas, dous cirurxiáns xerais, dous médicos de urxencias, dous farmacéuticos hospitalarios e un profesional de cada unha das seguintes especialidades: dermatoloxía, endocrinoloxía, enfermería especialista de saúde mental, hospitalización a domicilio, microbioloxía, oftalmoloxía, otorrinolaringoloxía, pediatría e radiodiagnóstico.

Comesaña destacou que a incorporación destes profesionais poderá producirse grazas a unha reforma legal promovida polo goberno galego que habilitou á Xunta para poder ofertar, a través dun concurso de méritos, sen necesidade de oposición, prazas vacantes de hospitais comarcais como o de Valdeorras. Isto constitúe un importante incentivo para promover que o persoal sanitario, incluíndo aos residentes que finalizan agora a súa formación, opte por traballar nun destes hospitais ao obter a súa praza fixa co requisito de permanecer, cando menos dous anos, no centro adxudicado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2023