O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, acompañado polo delegado territorial en Ourense, visita o Instituto Universidade Laboral para dar conta das obras

Ourense concentra durante o verán un total de 76 obras de mellora en 55 centros educativos da provincia, cun investimento de preto de 6M€ da Xunta

Do total, 11 son grandes actuacións e instalacións fotovoltaicas e as 65 restantes son pequenas reformas e melloras


Unha delas é precisamente a que se está levando a cabo no Universidade Laboral por un importe de case medio millón de euros
 

Ourense, 7 de agosto de 2023 A provincia de Ourense concentra durante este verán un total de 76 obras de mellora en 55 colexios e institutos, o que representa un investimento de preto de 6M€, tal e como avanzou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante a súa visita ao Instituto IES Universidade Laboral, onde se está acometendo una destas actuacións. 

No decurso da visita, na que estivo acompañado polo delegado territorial en Ourense, Gabriel Alén, o titular do departamento de Educación explicou que se trata de obras que se están realizando aproveitando o período estival, ou ben en proceso de licitación.

Todas as intervencións previstas, sexan ampliacións, rehabilitacións integrais, melloras de eficiencia enerxética ou de accesibilidade, realízanse ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que é a folla de ruta do Goberno galego para acadar centros escolares “más modernos, confortables, sostibles e innovadores”, abondou Román Rodríguez.

Neste senso, das obras previstas para a provincia, 11 son grandes actuacións (cun período de execución maior que o verán) e instalacións fotovoltaicas por un importe de preto de 4,7M€ en dez centros educativos. As 65 restantes son obras menores que suman un investimento de case 1,2M€M€ para pequenas reformas e melloras en 47 de colexios e institutos.

Precisamente unha desas grandes obras é a que se está executando no Instituto Universidade Laboral, visitado hoxe, ás que se engaden as dos institutos Ferro Couselo, tamén na cidade, e de Celanova; e no colexio CEIP Calvo Sotelo do Carballiño.

No ámbito enerxético, está previsto instalar sete fotovoltaicas nos institutos Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras), Número 1 (O Carballiño), 12 de Outubro (Ourense) e Xermán Ancoechea (Pobra de Trives) e nos centros integrados de FP, CIFP A Farixa e Portovello (ambos na cidade de Ourense).

Melloras no IES Universidade Laboral

Canto á actuación de mellora no Instituto Universidade Laboral, Román Rodríguez supervisou hoxe as obras que se están levando a cabo por un importe de preto de medio millón de euros e que se prevé que estean rematadas en setembro.

A actuación comprende a renovación das carpinterías do pavillón deportivo, así como dos acabados dos vestiarios, tanto de cuberta como chans e divisións. Esta edificación está constituída por dous volumes: un que é o propio polideportivo e outro moito mais pequeno destinado aos vestiarios, que está conectado ao primeiro por unha banda lonxitudinal que distribúe e conecta todas as dependencias. Dado que o edificio pertence a un conxunto catalogado, trátase de manter e recuperar as condicións do edificio orixinal.

Coa actuación -precisou o conselleiro- preténdese mellorar a eficiencia enerxética da edificación, coa substitución da carpintería exterior por outra de similares características e a instalación dun novo grupo térmico. Tamén se cambian as cubertas dos vestiarios recuperando os acabados iniciais, de cuberta plana con claraboias e acométese a reforma interior dos vestiarios que consiste na substitución de acabados e instalacións, dotando ao edificio de aseos adaptados para o profesorado e para o alumnado.

Plan de Nueva Arquitectura Pedagógica

O titular de Educación da Xunta salientou que todas as novas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte...”, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

Dito Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica arrancou en 2021 cunha inxección inicial de 191M€ que, posteriormente, foi ampliada ata os 243M€ para facer fronte ás necesidades dos centros educativos. Na actualidade suma 421 grandes obras en Galicia, das que 223 están xa executadas e 111 actuacións que están actualmente en marcha ou a piques de ser licitadas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2023