O proxecto Enredadas introduce o oficio das redeiras artesás galegas no ámbito dos complementos para mascotas
A colaboración entre as redeiras de Corme e a empresa The Painter’s Wife é o resultado do último dos cursos de formación especializada que se enmarcan dentro do proxecto Enredadas, impulsado pola Xunta e co que se pretende impulsar a diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas
A colección está xa dispoñible na tenda online de The Painter’s Wife e será presentada no mercado Le Bon Marché de París, nun evento que terá lugar a finais de agosto
A nova colección de complementos para mascotas da marca pontevedresa The Painter’s Wife está elaborada por Redeiras Artesás de Corme, no marco do proxecto Enredadas, impulsado pola Xunta de Galicia. A colaboración é o resultado do último dos cursos de formación especializada dirixido ao colectivo de redeiras artesás galegas, Integrando a artesanía no sector das mascotas, que se desenvolveu no porto de Corme (Ponteceso) entre os meses de maio e xuño deste mesmo ano.
Esta actividade formativa impulsada pola Fundación Artesanía de Galicia e pola Consellería do Mar e na que participaron oito redeiras artesás, estivo impartida por Rosana Agrelo e Sara Prieto. O seu obxectivo era a creación dunha colección cápsula de colares e arneses para cans, realizados integramente á man, empregando materiais procedentes das artes de pesca.
The Painter’s Wife é unha marca de roupa e accesorios para cans e os seus donos fundada por unha especialista en moda e arte e mais un veterinario que conseguen trasladar ao lifestyle canino a filosofía e as necesidades dos seus donos de hoxe, cun enfoque divertido e contemporáneo. Desde o seu lanzamento, este proxecto traballa con materiais sustentables e da máis alta calidade, na súa maioría de orixe e produción local. Nesta ocasión, incorporan ademais o traballo do colectivo das redeiras, un oficio de fonda tradición na costa galega que está amparado ademais pola marca Artesanía de Galicia.
Enredadas
Enredadas é un proxecto de boas prácticas impulsado pola Consellería de Economía, Industria e Innovación e pola Consellería do Mar desde o ano 2012 e enfocado a diversificar o traballo das redeiras artesás galegas, para lles facilitar a apertura de novas oportunidades de negocio a través doutros ámbitos como a moda, os complementos e a decoración, ao que agora se lle engade o ámbito das mascotas. A través de cursos de formación especializada e continuada, redeiras artesás de diferentes localidades galegas tiñan a posibilidade de acadar unha renovación desta actividade tradicional ao tempo que un incremento dos seus ingresos.
Os obxectivos do proxecto Enredadas son poñer en valor o traballo das redeiras artesás e do seu oficio, apoiando a diversificación da súa actividade profesional, mellorar a súa situación económica, fomentando a súa estabilidade laboral e incorporando novas redeiras ao sector. Búscase tamén fomentar a colaboración intersectorial que lle abra as portas ás redeiras dun mercado contemporáneo, introducir novos materiais e mellorar as técnicas e a calidade dos produtos elaborados. Enredadas contribúe a potenciar o valor social do oficio das redeiras, aposta pola sustentabilidade e pola economía circular, apoia a comercialización dos novos produtos e a promoción do propio proxecto.
Grazas a este proxecto, a Fundación Pública Artesanía de Galicia foi galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016.