A Policía Autonómica esclarece un incendio forestal no Concello de Ourense

O lume afectou 0,05 hectáreas e produciuse durante a realización de labores de roza sen as medidas de seguridade precisas

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2023

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Ourense esclareceron un incendio forestal rexistrado o pasado 1 de agosto na parroquia ourensán de Santa Cruz de Arrabaldo. O lume afectou 0,05 hectáreas de superficie arborada.  

Feita a inspección ocular, concluíuse que a orixe do incendio se debeu á realización de labores de roza cun tractor sen as medidas de seguridade precisas.

Na extinción do lume participaron tres axentes forestais, seis brigadas, tres motobombas, unha dotación de bombeiros de Ourense e un helicóptero.

A Policía Autonómica remitiulle as dilixencias por estes feitos, que se saldaron con unha persoa investigada, ao Xulgado de Instrución número 1 en funcións de Garda de Ourense. No que vai de ano, leva  investigadas 17 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Data de actualización: 07/08/2023