A Xunta dinamiza a oferta de verán da provincia de Pontevedra con campamentos e campos de voluntariado para a mocidade

O campamento de Mondariz-Balneario acolle seis quendas de participantes que desfrutan de actividades de multiaventura e deportivas

Os campos de voluntariado do Porriño e Mos ofrecen temáticas singulares, como a creación dunha curtametraxe co emprego de drons ou a recuperación dunha aldea abandonada

 

Mondariz-Balneario, O Porriño, Mos (Pontevedra), 4 de agosto de 2023 Os nenos e mozos galegos seguen a desfrutar da campaña de verán da Xunta que inclúe multitude de accións na provincia de Pontevedra, como o campamento de Mondariz-Balneario que visitou hoxe a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel.

Neste campamento multideporte participan nenos de entre 9 e 13 anos desfrutando con actividades nas que destaca a equitación, ponte tibetana, o parque de cordas, paintball ou waterpolo, e inclúe tamén obradoiros de teatro e medio ambiente. En total seis quendas de rapaces pasarán por aquí ao longo do verán.

A directora xeral tamén visitou o campo de voluntariado ‘Ruta de Palacios’, que se desenvolve no Porriño, con trece participantes procedentes de Galicia, outros puntos de España e do estranxeiro. Esta proposta xira arredor da figura dun dos máis recoñecidos arquitectos do século XX, Antonio Palacios, nado nesta localidade e que deixou a súa pegada en numerosos edificios de estilo ecléctico e rexionalista. Os participantes inícianse na fotografía arquitectónica, na filmación con drons e crean unha curtametraxe para poñer en valor o legado de Antonio Palacios, que inclúe entrevistas a expertos e a descendentes do arquitecto.

Bosque comestible e xardín sensorial

Outro dos campos de voluntariado visitados nesta xornada por Pichel foi o que se desenvolve na Aldea Alfacuca, no concello de Mos, un espazo restaurado no que un grupo de quince mozos de Galicia, doutras Comunidades Autónoma e chegados de fóra de España levan a cabo intervencións para a recuperación de fauna e flora, constrúen un sistema de recolección de augas pluviais para o rego por goteo e aprenden a remar en traíñas no porto de Cesantes. Neste campo tamén crean o que chaman bosque comestible nas inmediación da aldea, no que identifican as distintas plantas e árbores de froita cos que conta este espazo; e, ademais, elaboran un xardín sensorial con plantas e herbas aromáticas.

A campaña de verán da Xunta para este ano 2023 é a máis ampla con máis de 11.200 prazas en distintas actividades, pero tamén e a máis variada e accesible. Nela ofrécense actividades para todas as idades e gustos como campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos ou intercambios con outras Comunidades. O obxectivo e que a mocidade pase uns días de aprendizaxe e diversión e que os pais conten cun servizo de conciliación para esta época estival.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/08/2023