A Xunta inicia este luns as obras da campaña de conservación e reforzo de firme na autoestrada autonómica A Coruña-Carballo

Tras realizar en xullo reparacións puntuais do firme nos quilómetros 17 e 19 da AG-55, a próxima semana comezarán os traballos de conservación e mellora que se levan a cabo de forma periódica nas dúas autoestradas autonómicas

Desde mediados do pasado mes de xullo están xa en execución estas tarefas na autoestrada do Val Miñor (AG-57) Vigo-Baiona, incluíndo o ramal a Nigrán (AG-57N)

As intervencións na autoestrada A Coruña-Carballo comprenden a mellora das características superficiais do firme en 64.900 m2 e melloras estruturais en 29.667 m2

As obras estarán debidamente sinalizadas e para minimizar a afección ao tráfico os cortes serán dun carril, salvo puntualmente nos ramais nos que se actúa, onde se habilitará o correspondente desvío do tráfico

O orzamento das actuacións nestas dúas autoestradas autonómicas rolda o 1,2 M€
 

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023

As obras correspondentes á campaña de conservación e reforzo de firme na autoestrada autonómica A Coruña-Carballo (AG-55) iniciaranse este luns, se as condicións climatolóxicas así o permiten.

Tras realizar o pasado mes de xullo reparacións puntuais do firme nos puntos quilométricos 17 e 19 da propia autoestrada AG-55, esta vindeira semana prevese o comezo dos traballos de conservación e mellora de firme que a concesionaria realiza de xeito periódico nas dúas autoestradas autonómicas co obxectivo de optimizar os recursos dispoñibles e garantir a calidade, seguridade e durabilidade dos firmes.

Desde mediados do pasado mes de xullo están xa en execución estas tarefas na autoestrada do Val Miñor (AG-57) Vigo-Baiona, incluíndo o ramal a Nigrán (AG-57N).  

As intervencións que se prevén iniciar este luns na autoestrada A Coruña-Carballo comprenden actuacións de mellora das características superficiais do firme en 64.900 m2 e obras que suporán melloras estruturais en 29.667 m2 da AG-55. A duración estimada dos traballos será de cinco semanas.

As obras estarán debidamente sinalizadas e para minimizar a afección ao tráfico os cortes serán dun carril, salvo puntualmente nos ramais nos que se actúa, onde xa está previsto o correspondente desvío do tráfico.

Seguindo o programa de traballo, o luns comezarán as obras no tramo comprendido entre os quilómetros 16 e o 20+500 en ambas as calzadas, en ambos os carrís, manténdose a circulación de forma alternativa.

O segundo día actuarase entre os quilómetros 25 e o 27+600 na calzada dereita en ambos os carrís, polo que se poderá circular tamén de forma alternativa.

O terceiro día procederase ao corte do ramal de saída da autoestrada no enlace de Carballo Oeste en dirección Carballo. Para facilitar a circulación está previsto o desvío correspondente, que será debidamente sinalizado.

Xa o cuarto día, os traballos desenvolveranse no ramal de entrada á autoestrada no enlace de Carballo Oeste con orixe en Coristanco, sendo necesario o corte do ramal para o que tamén se habilitará o correspondente desvío.

O orzamento estimado da campaña do ano 2023 suma nas dúas autoestradas autonómicas un total de 1,2 M€.

Data de actualización: 05/08/2023