A Xunta destaca a importancia da Festa do percebe de Aguiño como escaparate para dar a coñecer a calidade dos produtos do mar

Ribeira (A Coruña), 6 de agosto de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, salientou hoxe a importancia de citas gastronómicas como a Festa do Percebe de Aguiño para enxalzar o traballo dos profesionais da pesca e dar a coñecer en todo o mundo a calidade dos produtos do mar de Galicia. Neste sentido, destacou a relevancia dunha cita que chega este ano á súa XXIV edición tras ser declarada o ano pasado como festa de interese turístico galego polo Consello da Xunta.

O titular de Mar recoñeceu durante este evento -ao que tamén asistiron a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez- o traballo da confraría de pescadores de Aguiño-Carreira e o arriscado labor dos percebeiros, gabando a excelencia e calidade do crustáceo que colleitan. Tamén tivo mencións especiais para os dous Percebeiros de Honra desta edición: Manuel Ruiz Rivas, que foi alcalde da localidade durante 12 anos e agora senador, polo seu apoio ao sector do mar e á festa gastronómica por excelencia de Ribeira; e Rubén Lijó, que durante 15 anos foi rescatador no helicóptero Pesca 1 de Gardacostas de Galicia.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 06/08/2023