A convocatoria desta liña de achegas cubrirá programas e actuacións que as entidades leven a cabo deste este mesmo ano ata o 2025

A Xunta mantén aberto o prazo para que as entidades de iniciativa social se acollan ás axudas para o financiamento de programas e servizos

Teñen ata o vindeiro 10 de agosto para presentar as solicitudes a través da sede electrónica da Administración autonómica


O orzamento total da orde é de 19,7 millóns de euros, o máis alto dedicado a subvencionar iniciativas sociais no ámbito do terceiro sector


Os fondos destínanse a apoiar o funcionamento de comedores sociais, albergues ou centros de acollida, así como programas para favorecer a inclusión sociolaboral e residencial de colectivos vulnerables
 

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2023 A Xunta mantén aberto ata o vindeiro 10 de agosto o prazo para que as entidades de iniciativa social soliciten acollerse á nova orde de axudas para o financiamento dos seus programas e servizos. Esta convocatoria conta cun orzamento superior aos 19,7 millóns de euros para realizar actuacións nos vindeiros dous anos, o importe máis alto dedicado a subvencionar programas de inclusión cun incremento de case o 8% con respecto á anterior orde plurianual.

Os requisitos para optar a estes fondos están publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG) e serán subvencionables o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social —como comedores, albergues ou centros de acollida—, propostas centradas en fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo das persoas inmigrantes ou daquelas en situación de risco de exclusión social, así como actuacións específicas dirixidas ás persoas sen fogar.

En concreto, esta orde de entidades regula axudas dirixidas á cobertura de necesidades básicas como aloxamento ou manutención e, neste sentido, a través dela a Xunta garante que todos os centros de inclusión e emerxencia social das entidades que cumpran cos requisitos recibirán subvención.

Tamén se facilitarán achegas para o desenvolvemento de itinerarios de inclusión sociolaboral, formación en competencias clave ou dixitais, mellora das competencias ou programas de mediación intercultural que teñan como destinatarios colectivos especialmente vulnerables. Así mesmo, nesta convocatoria refórzanse de novo as medidas dirixidas ás persoas sen fogar ao incorporar unha liña de accións de apoio á inclusión residencial.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Data de actualización: 05/08/2023