A Xunta subliña o papel da mostra Alfaroleiros na divulgación do oficio artesanal da olería

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá o evento no que participan 23 profesionais de olería e cerámica de diferentes zonas de España e Portugal, entre os que se atopan 5 obradoiros da marca Artesanía de Galicia

Oleiros (A Coruña), 4 de agosto de 2023

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá, acompañada polo director do Centro de Referencia Nacional de Artesanía Albayzin de Granada, Antonio Suárez, a 29 edición de Alfaroleiros, que se celebra ata o domingo 6 de agosto no Parque Luis Seoane de Santa Cruz (Oleiros).

Esta mostra de artesanía é un referente tanto pola posta en escena dos expositores coas pezas na herba, tal e como se facía antigamente, como pola alta calidade e a procedencia dos expositores, que representan olerías de diferentes partes da Península.  

En total participan 23 obradoiros de olería e cerámica, entre os que se atopan cinco obradoiros da marca Artesanía de Galicia. Trátase dos obradoiros  de Buño (Malpica de Bergantiños) Alfarería Aparicio e Alfarería Lista, o obradoiro Figulus Olería Tradicional da Ribeira Sacra (Sober), José Vázquez Vázquez de Niñodaguia (Xunqueira de Espadañedo e a Cerámica Unzueta (Brión). Os demais expositores proveñen de diferentes localidades nacionais e portuguesas como Coimbra, Alacante, Castellón, Xaén, Granada, Palencia, Córdoba, Segovia, Cáceres, Salamanca e Zamora

Ata o domingo 6 de agosto, Oleiros convértese nun punto de encontro de oleiros e ceramistas, un escaparate perfecto para amosar a nosa grande tradición oleira e un fantástico reclamo para visitantes que se acheguen pola zona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/08/2023