Rueda destaca que eventos como Equiocio contribúen a amosar as bondades da comarca de Ferrolterra e Galicia atraendo cada ano a máis visitantes

Asegura que a cita sabe combinarse co turismo e con atractivos como o Camiño Inglés “que está crecendo de xeito exponencial e cada vez máis peregrinos descobren esta comarca e se marabillan de todo o que ven”

Enxalza a vertente social coa que conta o certame e compromete o apoio do Goberno galego para que siga sendo un éxito
 

Ferrol, 4 de agosto de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe durante a inauguración da trixésimo segunda edición de Equiocio o seu crecemento durante todos estes anos, converténdose en todo un referente dos veráns de Ferrolterra e un gran escaparate das bondades desta comarca e de Galicia en xeral. “Non só son paisaxes, que son marabillosas; non só é unha gastronomía impresionante, que tamén a temos; non só é a xente, que somos moi riquiños, senón que tamén é ser capaces de facer eventos como este e que fan que cada vez veña máis xente a visitarnos”, destacou.

Nesta liña, salientou o feito de que, ademais de ser unha competición hípica recoñecida a nivel estatal e internacional, o evento forma parte da recoñecida como Marca Ferrol e sabe combinarse á perfección co turismo e con atractivos como o Camiño Inglés. “Esta ruta está crecendo de xeito exponencial e cada vez máis peregrinos descobren Ferrolterra e se marabillan de todo o que ven”, asegurou.

A este respecto, Rueda quixo poñen en valor a vertente social de Equiocio, “algo que creo que sempre teñen que ter os eventos de envergadura” en favor dunha sociedade máis integradora. De feito, as entidades sociais que colaboran con este certame e os seus socios e socias puideron vivir en primeira persoa a experiencia do Camiño Inglés a través de rutas guiadas que partiron desde o peirao de Curuxeiras.  

Finalmente, o presidente da Xunta quixo felicitar á organización polo seu labor e comprometeu o apoio do Goberno galego “para que siga sendo un éxito porque non só se beneficia Ferrol, non só se beneficia a xente á que lle gusta e vive da hípica e dos cabalos, senón que beneficia a todo o mundo que cre que facer actos ben organizados, con moita repercusión e moita progresión, merece sempre a pena”, manifestou.

 

Data de actualización: 04/08/2023