A Xunta destina case 425.000 euros á formación e emprego no obradoiro de garantía xuvenil Inicia VII impulsado polos concellos de Fene, Ares, Mugardos e Cabanas

A delegada territorial, Martina Aneiros, informou hoxe da resolución desta convocatoria de axudas a Concellos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para a promoción de accións formativas para mozas e mozos desempregados de ata 30 anos de idade

O programa desenvolverase na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial e contará con 16 alumnos que iniciarán a principios de setembro a súa formación
 

Ferrol, 4 de agosto de 2023

A Xunta de Galicia financia con 424.837 euros o obradoiro de Garantía Xuvenil Inicia VII promovido polos Concellos de Fene, Ares, Mugardos e Cabanas. A delegada territorial, Martina Aneiros, informou hoxe da resolución desta convocatoria de axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a programas de emprego para mozas e mozos desempregados incluídos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil dotada cun orzamento de 6,4 millóns de euros para as anualidades 2023 e 2024.

Tal e como explicou a delegada, estes obradoiros “permiten mellorar a empregabilidade das persoas participantes para facilitar a súa inserción no mercado laboral para o que combinan a formación coa realización dun traballo efectivo durante un período de 12 meses durante o que acceden a un contrato e un salario”.

Neste caso, o obradoiro desenvolverase na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial e contará con 16 alumnos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos que comezarán a súa formación a principios de setembro.

A través destes programas que a Xunta convoca por oitavo ano consecutivo, ademais de mellorar a ocupabilidade das persoas mozas, facilítase a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade.

Ao remate dos mesmos, desde a Xunta se prevén incentivos á contratación do alumnado en empresas da contorna unha vez remate a formación. Neste caso as subvencións supoñen dar cobertura aos custos laborais derivados da contratación indefinida por conta allea durante polo menos 6 meses para destinos relacionados cos contidos do programa.

Data de actualización: 04/08/2023