A Xunta certificou no que vai de ano máis de 3.800 formacións en 30 cursos e talleres en igualdade laboral

O campus virtual de igualdade potencia desde o 2021 a sensibilización social e a integra-ción da igualdade laboral en todos os ámbitos da sociedade

Santiago de Compostela, 6 agosto de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade certificou no que vai de ano máis de 3.800 formacións en 30 proxectos en materia de igualdade laboral, a través dos cursos e webinarios que oferta a través do seu campus virtual.

Un total de 592 persoas participaron, no que vai de ano, en cursos de coñecementos básicos en igualdade laboral (8 horas) e 461 participantes recibiron os seus certificados de aproveitamento tras participar en cursos de 10 horas de prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo no traballo.

Así mesmo, en 2023 a Xunta tamén ofertou 13 webinarios ou talleres, cun total de 1.425 participantes, sobre a linguaxe inclusiva, a protección social, a prevención da violencia de xénero ou a igualdade de trato no emprego público.

A todas estas actividades cómpre engadir as xornadas das que con asiduidade coparticipa  a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade grazas á promoción das entidades empresariais e sectoriais. No que vai de ano celebráronse 4 xornadas e cursos prácticos coa participación presencial ou en liña de máis de 400 empresas.

En próximas datas publicarase a nova programación e os formularios de inscrición para as persoas interesadas a través da dirección web do campus virtual de igualdade laboral https://aigualdadelaboral.gal/.

Esta plataforma leva desde o 2021 promovendo a sensibilización social e a integración da igualdade laboral en todos os ámbitos da sociedade grazas ás diferentes accións formativas coas que a Xunta continúa a avanzar cara a un mercado laboral máis equitativo e referente en materia de respecto á diversidade e á igualdade de oportunidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/08/2023