Román Rodríguez subliña a aposta da Xunta pola mellora educativa da provincia de Lugo con 74 obras en 58 centros este verán e 15,5 M€ de investimento
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visita o Instituto IES Daviña Rei de Monforte de Lemos, onde dá conta das obras previstas para o período estival ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
Do total, 15 son grandes actuacións cunha achega de 14,27 M€ como a ampliación que se está levando a cabo neste centro monfortino
Das restantes, 45 son pequenas reformas e melloras e 14 son instalacións de fotovoltaicas
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destaca a aposta da Xunta de Galicia coa mellora das infraestruturas educativas na provincia de Lugo neste verán, cun total de 74 actuacións en 58 centros educativos que acadan un investimento de máis de 15,5 M€.
O conxunto de intervencións na provincia son obras que se están realizando aproveitando o período estival ou que están en proceso de licitación na provincia de Lugo ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Trátase de intervencións como ampliacións, rehabilitacións integrais, melloras de eficiencia enerxética ou de accesibilidade que “intensificamos nestas datas co fin de aproveitar o período non lectivo e causar o mínimo impacto na comunidade educativa”, abondou o conselleiro. Todas elas están enfocadas a acadar centros escolares máis modernos, confortables e sostibles tanto desde o punto enerxético como medioambiental.
Tamén, co fin de acadar centros educativos máis sostibles e enerxeticamente eficientes e máis respectuosos co medio ambiente, está previsto instalar fotovoltaicas en 14 centros, por un importe de case 387.000 € .
Mellora do Instituto Daviña Rei
Na visita ao Instituto Daviña Rei, o conselleiro puido comprobar o bo ritmo das melloras sectoriais que se están levando a cabo neste centro e que supoñen un investimento de case 1,6M€ por parte da Consellería de Educación.
Neste caso a intervención ten unha parte de eficiencia enerxética que abrangue a substitución de ventás por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e dobre vidro baixo emisivo, o illamento da cuberta e das fachadas e a substitución de baixantes e canlóns. Todas estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético anual estimado de preto do 30% no consumo de enerxía e de emisións de CO² no edificio principal e nos talleres, e de máis do 20% no pavillón.
Plan de 243 M€ entre 2021 e 2024
Tanto esta mellora como todas as actuacións previstas para a provincia forman parte do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta aprobada no ano 2021 cunha inxección inicial de 191M€ para abordar todas as intervencións que se fan nos centros educativos co obxectivo de que estean mellor acondicionados, máis implicados coa educación dixital e as novas metodoloxías, máis sustentables e máis confortables para o profesorado e para o alumnado.
Este plan, ampliado ata os 243 M€ para facer fronte ás necesidades dos centros educativos, suma na actualidade 421 grandes obras, das que 223 están xa executadas e 111 actuacións que están actualmente en marcha ou a piques de ser licitadas.
Román Rodríguez aproveitou a visita a este centro para gabar a implicación da comunidade educativa e do equipo directivo deste instituto coa mellora educativa que se reflicte na súa participación en distintos programas da Consellería. Así mesmo subliñou o compromiso da Xunta co Daviña Rei e, en especial, co impulso da Formación Profesional. De feito, de cara ao próximo curso refórzase a oferta formativa coa incorporación do Máster de Sistemas de sinalización e telecomunicacións ferroviarias.