A Xunta formaliza o contrato para executar a nova senda na avenida das Caldas, desde a intermodal ata a Ponte Romana, na cidade de Ourense

As obras de acondicionamento da avenida das Caldas suporán un investimento total de 1,2 M€ e permitirán a súa humanización integral para convertela en porta de entrada á cidade, mellorando a mobilidade peonil e ciclista nun treito que coincide coa Vía da Prata

A intervención, xunto coa adxudicada no paseo do Barbaña a mediados de xullo, forma parte das actuacións para a conformación dun itinerario de 5,1 km que conectará os principais equipamentos da cidade, de norte a sur, cun investimento global de 8 M€

A Xunta prevé comezar as obras de acondicionamento da avenida das Caldas a finais do verán e iniciar no último trimestre as da senda do Barbaña, co obxectivo de ter rematados os traballos a finais de 2024

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2023

A Xunta vén de formalizar o contrato para executar as obras da senda que irá desde a intermodal ata a Ponte Romana, pola avenida das Caldas, no concello de Ourense, e que suporán un investimento total de 1,2 millóns de euros.

O contrato, adxudicado á empresa Proyecon Galicia, S.A., forma parte das actuacións para a conformación unha senda que conectará Ourense de norte a sur a través de 5,1 km de itinerarios cun investimento global de 8 millóns de euros. A actuación súmase á adxudicada o pasado mes de xullo por máis de 3,5 millóns de euros para executar a senda entre Os Remedios e Expourense, ao longo do paseo do Barbaña.

A previsión é comezar as obras de acondicionamento da avenida das Caldas a finais do verán e iniciar no último trimestre as obras da senda do Barbaña, co obxectivo de poder ter rematados os traballos a finais de 2024.

As obras da senda que se vai executar entre a intermodal e a Ponte Romana suporán a humanización integral da avenida das Caldas, para convertela en porta de entrada á cidade, tendo en conta que a senda parte da estación intermodal. Así, mellorarase a mobilidade peonil e ciclista nun treito que coincide, ademais, coa Vía da Prata, polo que tamén se contribuirá á dinamización do Camiño.

Intervirase ao longo de 600 metros, entre a estación intermodal e a Ponte Romana, habilitando beirarrúas máis anchas e carril bici, gañando espazo para as persoas e reducindo a circulación do tráfico rodado a un carril, en sentido baixada, que se dotará, pola marxe dereita, de aparcadoiro, paradas de autobús e zonas de carga.

Tamén se ampliarán e se renovarán as beirarrúas, procurando un ancho mínimo de 2 metros na marxe dereita en sentido baixada e de entre 3 e 5 metros pola marxe esquerda, que é a que coincide co Camiño de Santiago.

Estas actuacións enmárcase nos proxectos impulsados pola Xunta ao abeiro dos fondos Next Generation, co fin de fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas.

Data de actualización: 04/08/2023