A Xunta comeza as obras de mellora do firme na estrada autonómica AC-160 entre Miño e Vilarmaior

A actuación forma parte do contrato de reforzo da capa de rodaxe en 5 estradas autonómicas das comarcas do Ferrolterra e de Betanzos, cun investimento de máis de 1,3 M€

Intervirase tamén nas estradas AC-102, AC-116, AC-122 e AC-133 nos concellos de Cerdido, Cedeira, Narón, Valdoviño, Cabanas, Fene, e Mugardos

Os traballos consistirán na rehabilitación do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, ademais do repintado das marcas viarias

Este contrato inclúe tarefas adicionais, como a limpeza e o reperfilado de marxes e a execución de gabias de seguridade de formigón

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou hoxe as obras de mellora de firme na estrada autonómica AC-160 no treito que comunica os municipios de Miño e de Vilarmaior.

Esta actuación, que se está a iniciar na entorna do punto quilométrico da AC-160, forma parte do contrato de acondicionamento da capa de rodaxe previsto en 5 estradas autonómicas ao paso polas comarcas do Ferrolterra e de Betanzos, cun investimento da Xunta de máis de 1,3 millóns de euros.

O obxectivo deste contrato é rehabilitar varios treitos das estradas AC-102, nos concellos de Cerdido e Cedeira; na AC-116, ao paso polos concellos de Narón e Valdoviño; na AC-122, en Cabanas, Fene e Mugardos; na AC-133, no seu percorrido polos municipios de Fene e de Mugardos; e na AC-160, nos concellos de Miño e Vilarmaior por onde comezaron hoxe estas obras.

As intervencións, cun prazo de execución de 6 meses, consisten na rehabilitación localizada na rehabilitación do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, coa finalidade de mellorar as condicións de circulación en varios treitos destas 5 estradas, completado as obras co repintado das marcas viarias.

Ademais, inclúense outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado de marxes e a execución de gabias de seguridade de formigón.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/08/2023