A Xunta forma seis persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento

As bolsas convocadas o pasado xuño teñen xa destinatarios, que recibirán a formación na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE en Santiago de Compostela ou en unidades da AECID en países prioritarios da cooperación galega como Guatemala, Bolivia, República Dominicana e Mozambique

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2023

A Xunta vai formar a partir de outubro seis persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento a través das bolsas convocadas con este fin o pasado xuño e que xa foron resoltas. A medida facilita formación ao longo dun período máximo de 12 meses na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE en Santiago de Compostela ou en unidades de cooperación no exterior da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) en países prioritarios da cooperación galega, como son Guatemala, Bolivia, República Dominicana e Mozambique.

Neste ano o Goberno galego inviste na iniciativa 108.782 euros que se destinan ao pagamento ás bolseiras e bolseiros e das cotas patronais da Seguridade Social. De acordo cos requisitos esixidos, todas as persoas beneficiarias teñen residencia en Galicia e están en posesión dun título universitario oficial de grao, licenciatura, diplomatura, arquitectura, enxeñaría ou similar, ademais de non ter emprego remunerado nin gozar doutra axuda deste tipo e tampouco desta en convocatorias anteriores.

O obxectivo é impulsar a formación especializada en cooperación internacional para o desenvolvemento como complemento da formación académica, coas liñas de traballo da Cooperación Galega e, no caso das bolsas noutros países, cos proxectos que se están a financiar e que poderán visitar nas estadías.

Apóstase así pola profesionalización do sector da cooperación galega a prol dunha maior calidade na súa prestación, ao tempo que se reforzan as relacións entre a Xunta e as outras institucións a través das que se artellan as bolsas.

As actividades destinadas á formación de persoal especializado constitúen unha tarefa desenvolvida pola Xunta no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación, co apoio á formación e capacitación especializada de axentes galegos de cooperación como unha das liñas de actuación do actual Plan Director da Cooperación Galega.

Data de actualización: 06/08/2023