A Xunta destina 2,4 M€ a apoiar accións de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos de calidade por agrupacións de produtores no mercado interior

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas subvencións, correspondentes á convocatoria de 2023 e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader)

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2023.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas da Consellería do Medio Rural para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior correspondentes á convocatoria de 2023. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

En total, nesta convocatoria son 68 as actuacións que son obxecto destas subvencións, por un importe global de 2.446.736 euros. Os fondos destínanse a apoiar a realización de accións de promoción, asistencia a feiras, organización de feiras así coma á elaboración de estudos de mercado ou á programación de xornadas divulgativas. Estas axudas teñen por finalidade incentivar as actuacións de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada.

 

Así, os beneficiarios son tanto os consellos reguladores de produtos con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida e o da agricultura ecolóxica como asociacións de produtores. As subvencións concedidas oscilan entre o 30 e o 70 por cento do investimento realizado en cada acción de promoción.

Enlace á resolución no DOG:

Data de actualización: 04/08/2023