A Xunta apoia con máis de 1,5 M€ un total de 85 proxectos de eficiencia enerxética e melloras a bordo dos buques pesqueiros

O Executivo galego destina estas achegas a mellorar a hixiene, a saúde, a seguridade e as condicións de traballo dos profesionais embarcados, así como á eficiencia no consumo de combustibles para mitigar o cambio climático mediante medidas como o cambio de motores, entre outros aspectos

Delas beneficiaranse máis de 70 buques con porto base en Galicia das distintas modalidades de pesca, desde os de artes menores que faenan próximos á costa ata os do caladoiro nacional ou os das pesqueiras comunitarias e internacionais

Desde 2016 aprobáronse máis de 380 proxectos deste tipo por un importe de máis de 5 millóns de euros, co que o investimento global nos últimos oito anos supera os 10 millóns de euros

Santiago de Compostela (A Coruña), 3 de agosto

A Consellería do Mar apoia este ano con máis de 1,5 M€ euros o desenvolvemento de 85 proxectos que buscan mellorar a hixiene, saúde, seguridade e condicións de traballo a bordo dos buques pesqueiros así como a súa eficiencia enerxética e tamén aumentar o valor engadido e a calidade dos produtos do mar, entre outros aspectos. Estas iniciativas enmárcanse na convocatoria de achegas de 2023 dirixida a propietarios de embarcacións pesqueiras que realicen investimentos que fomenten unha pesca sustentable.

As axudas aprobadas, que foron analizadas hoxe no Consello da Xunta, contribuirán a facilitar o labor e as condicións de vida das tripulacións dos barcos beneficiados así como a optimizar a súa eficiencia enerxética -axudando a mitigar o cambio climático- ou cambiar os motores con este mesmo obxectivo.

A maioría destes apoios (49) van dirixidos a distintas accións para mellorar a hixiene, saúde, seguridade e condicións de traballo a bordo por importe de preto de 790.000 euros. A eles engádense 14 iniciativas cunha axuda de máis de 192.000 euros para limitar o impacto da pesca no medio mariño e 12 proxectos para aumentar o valor engadido, a calidade dos produtos e a utilización de capturas non desexadas con arredor de 484.000 euros de apoio. 

Ademais hai catro proxectos centrados en mellorar a eficiencia enerxética e mitigar o cambio climático que suman preto de 50.000 euros e outras seis iniciativas -dentro da liña de eficiencia enerxética- consistentes no cambio de motores por un importe global de arredor de 14.000 euros.

Desta convocatoria de achegas -cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)- beneficiaranse máis de 70 buques con porto base en Galicia das distintas modalidades de pesca, desde os de artes menores que faenan próximos á costa ata os do caladoiro nacional ou os das pesqueiras comunitarias e internacionais e algún conta con máis dun proxecto aprobado.

A convocatoria destas axudas ao abeiro do FEMP permitiu aprobar desde 2016 máis de 380 proxectos -incluídos estes de 2023- por un importe de máis 5 millóns de euros e un investimento global de arredor de 10 millóns de euros. Trátase duns apoios moi demandados polo sector cun número de beneficiarios que foi aumentando de xeito constante desde esa primeira convocatoria de 2016.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2023