O delegado territorial destaca o labor do consello regulador que fixo da D.O. Rías Baixas “unha distinción de prestixio”

Agustín Reguera acudiu á XII edición do Túnel do Viño e destacou a gran importancia desta D.O. en Galicia e en España

Cambados (Pontevedra), 3 de agosto de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acudiu esta mañá á XII edición do Túnel do Viño do D.O. Rías Baixas en Cambados. Alí comprobou o bo traballo que está a desempeñar o Consello Regulador e participou na cata dunha gran variedade de firmas galegas. 

 

Reguera uniuse ás ducias de persoas que se concentraron no Salón de Congresos e Exposicións José Peña, onde estes días repousan máis de 160 referencias distintas de ata 66 bodegas. Xunto ao presidente do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, Isidoro Serantes, percorreron a estancia parando e degustando algunhas das firmas máis importantes desta D.O. Ante os medios de comunicación Agustín Reguera resaltou o contexto desta D.O. que “conta con 178 adegas, máis de 4.000 viticultores e que vendeu 28 millóns de litros, un terzo deles no estranxeiro”.

 

O Delegado aproveitou para poñer en valor o “gran labor que se está a desempeñar” e continuou, “proba diso é que a D.O Rías Baixas está gañando cada vez máis popularidade e é vista, tanto no resto do país como no estranxeiro, como unha distinción de gran calidade e prestixio”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2023