O delegado territorial visita Vilagarcía para lembrar a apertura da solicitude de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF

A convocatoria contará con 28 millóns de euros para que as entidades sociais fagan fronte a gastos correntes e tamén para adquirir equipamento, facer obras de rehabilitación ou adquirir vehículos adaptados
 

No pasado exercicio, os programas levados a cabo en Vilagarcía beneficiáronse de partidas que chegaron aos 2,5 millóns de euros
 

As iniciativas desenvolvidas no Salnés e Ullán centráronse principalmente en mellorar a vida de persoas maiores, en fomentar a inclusión e en axudar ás persoas con discapacidade
 

Vilagarcía, 3 de agosto de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, achegouse esta mañá á Residencia Divina Pastora en Vilagarcía, beneficiaria de máis de 160.000 euros con cargo ao 0,7% do IRPF no pasado 2022. Alí visitou as instalacións da residencia e puido comprobar as iniciativas nas que están a ser investidas estas axudas.

Reguera lembrou que xa se poden solicitar as axudas correspondentes a este 2023, para as que a Xunta contará cun orzamento de 28 millóns de euros, tendo en conta os 18,5 millóns de euros de financiamento inicial, aos que se sumarán outros 9,5 millóns en virtude do reparto entre Comunidades Autónomas acordado no Consello territorial de Servizos Sociais.

Na visita, na que tamén estivo presente a xefa territorial de Política Social e Xuventude, Mª Ángeles Rouco, e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, o delegado territorial quixo agradecer aos responsables da Residencia Divina Pastora polo traballo que desempeñan a diario e por “facer a vida dos nosos maiores un pouco máis sinxela”.

En concreto, a Residencia Divina Pastora recibiu no pasado 2022 un financiamento de máis de 40.000 euros para o desenvolvemento dun programa de terapia de reminiscencia para persoas con deterioro cognitivo e unha segunda axuda de máis de 120.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética das súas instalacións.

Ante os medios de comunicación, Reguera insistiu na importancia destas axudas que xa se poden solicitar e que están destinadas a financiar gastos correntes, investimentos referidos a obras de equipamento e rehabilitación ou adquisición de vehículos adaptados.

Grazas a esta partida, as entidades sociais poderán financiar programas dirixidos á asistencia a persoas maiores, persoas con discapacidade, infancia e mocidade, así como iniciativas que favorezan o voluntariado e a inclusión social.

No pasado ano, a axuda apoiou máis de un millar de iniciativas en toda Galicia, moitas delas nas comarcas do Salnés e os municipios do Ullán. No caso de Vilagarcía, desenvolvéronse programas cuxo importe rondou os 2,5 millóns de euros, programas que, en moitos casos, tiveron impacto en varios concellos de forma simultánea.

Agustín Reguera sinalou que “en Galicia, e concretamente na provincia de Pontevedra, contamos con moitas organizacións que traballan día a día parta mellorar a vida dos que máis o precisan. Dende a Xunta estaremos sempre dispostos a escoitalas e a prestarlles a nosa colaboración en todo o posible, estas axudas son proba diso”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2023