A Policía Autonómica comisa 15 quilos de percebes e unha embarcación no litoral da cidade da Coruña

Os axentes xunto ao Servizo de Gardacostas de Galicia e coa colaboración da confraría de pescadores da Coruña, realizaron un operativo contra o furtivismo na zona o pasado xullo

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2023

Axentes da Policía Autonómica de Santiago xunto co Servizo de Gardacostas de Galicia e en colaboración coa confraría de pescadores da Coruña comisaron o pasado 13 de xullo 15 quilos de percebes e unha embarcación no marco dun operativo de loita contra o furtivismo no litoral da cidade coruñesa.

O operativo activouse tras ter coñecemento da existencia de persoas dedicadas á extracción de percebe de xeito ilegal e fraudulento coa axuda dunha embarcación. Os labores de vixilancia permitiron detectar un grupo de catro persoas que se desprazaban nunha embarcación non apta para o marisqueo a flote ao longo da costa da cidade da Coruña para actuar sobre todo nas illas de San Pedro e do porto exterior e sen discriminar molusco adulto do da cría.

Tras a interceptación, comprobouse que se trataba de persoas reincidentes neste tipo de presuntos delitos e que mesmo unha delas tiña en vigor unha condena á inhabilitación especial para a realización de marisqueo. Como resultado, catro persoas foron investigadas por delito contra a flora e fauna, e por un quebrantamento de condena.

O percebes comisados entregáronse nun centro benéfico da Coruña e a embarcación está a disposición xudicial.

O operativo enmárcase no reforzo realizado pola Policía Autonómica no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2023