O delegado territorial supervisa as obras de mellora da seguridade viaria das estradas en Rioxoán, no municipio de Pol

Javier Arias explicou que na provincia estanse a repintar 165 quilómetros de 25 vías autonómicas, cun investimento de 366.500 euros

Pol (Lugo), 3 de agosto de 2023 O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou hoxe, xunto a veciños de Rioxoán, en Pol, as obras de mellora e de sinalización das estradas autonómicas LU-750 e LU-760 ao seu paso por este municipio.

Así, a Xunta está a ultimar o acondicionamento da LU-760 co repintado de 9,2 quilómetros desde o seu inicio, no enlace coa N-640 en Mondriz (Castro de Rei), ata Mosteiro. Neste punto empata co tramo de seis quilómetros ata Rioxoán no que se se executaron recentemente obras de reforzo do firme, e completarase a intervención repintando a travesía deste núcleo, que corresponde á estrada autonómica LU-750 (Meira-O Cádavo).

Arias explicou que no conxunto da provincia estase a proceder ao repintado de 165 quilómetros en 25 estradas autonómicas, cun investimento de 366.500 euros.

En total, na zona norte da provincia melloráronse 110 quilómetros de 13 estradas que comunican Pol, Lugo, Rábade, Meira, Ribeira de Piquín, Cervo, Viveiro ou Mondoñedo. A programación na zona sur contemplou 55,4 quilómetros en 12 vías, entre elas o corredor CG-2.2 Nadela-Sarria.

O delegado destacou que “no marco dos labores de mantemento das estradas autonómicas, a Xunta acomete cada verán esta campaña nos treitos nos que se detecta a necesidade, porque as marcas viarias inciden directamente na seguridade na condución, e moi especialmente nas travesías e puntos onde existen pasos de peóns”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2023