A Xunta adxudica por 330.000 euros as obras de mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril, en Valga

Esta actuación, que conta cun prazo de execución de 3 meses, ten como obxectivo minimizar o risco de inundación nesta zona onde a presión sobre a canle se ve aumentada con edificacións e áreas de cultivo que deixan pouco espazo ao río

Executarase un encanamento de preto de 800 metros do río Louro, desde 50 metros augas arriba da estrutura baixo a PO-548 ata a obra de fábrica existente baixo a liña do ferrocarril, incluído un tramo de aproximadamente 50 metros augas abaixo

A Xunta mantén a colaboración entre as administracións e os axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida recuperación fronte ás súas consecuencias
 

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 330.431 euros a execución das obras para a mellora do espazo fluvial do río Louro, entre a estrada autonómica PO-548 e a liña do ferrocarril, no concello de Valga.

Os traballos, adxudicados á empresa Nemesio Ordóñez, S.A., forman parte das actuacións necesarias para minimizar o risco de inundación nesta zona do municipio pontevedrés, onde a presión sobre a canle aumenta polas edificacións e as áreas de cultivo das inmediacións, que deixan pouco espazo ao río para desenvolverse.

A intervención adxudicada, que conta cun prazo de execución de 3 meses, consiste na mellora da capacidade hidráulica da canle do río Louro. As obras centraranse na execución dun encanamento de aproximadamente 800 metros do río, desde 50 metros augas arriba da estrutura baixo a estrada PO-548 ata a obra de fábrica existente baixo a liña do ferrocarril, incluído un tramo de aproximadamente 50 metros augas abaixo.

Esta actuación enmárcase na colaboración entre a Xunta e o Concello de Valga, na que se recolleron distintas actuacións necesarias para evitar as inundacións na zona urbana cun investimento autonómico global de 1,25 M€.

As intervencións obxecto do citado convenio buscan minimizar os asolagamentos nesta contorna e están recollidas no Plan de xestión específico realizado na área de risco potencial significativo de inundacións dos ríos Ulla e Sar.

Trátase de intervencións estruturais para a mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada autonómica PO-548 e a liña de ferrocarril; da protección da marxe dereita do río Valga ao seu paso polo municipio, que xa está tamén adxudicada; e da mellora do espazo fluvial do río Valga entre a liña do ferrocarril e a rúa Devesa.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, asume o financiamento do conxunto das actuacións e leva a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras.

Pola súa banda, o Concello de Valga comprométese á posta a disposición dos terreos necesarios para o inicio dos traballos e á realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución. Tamén asume a obriga de recibir as obras que pola súa natureza sexan susceptibles de tal recepción e a asumir o seu mantemento e conservación dos traballos executados, de acordo coa finalidade prevista.

As actuacións están cofinanciadas con fondos Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020.

A Xunta mantén a colaboración entre as administracións e os axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.

Data de actualización: 03/08/2023