A Xunta autoriza a contratación das obras do Centro de ciberseguridade de Galicia, en San Cibrao das Viñas, cun investimento de máis de 6 M€

Resalta que o obxectivo é “fortalecer a ciberseguridade na administración pública, a cidadanía e as empresas” e “promover o desenvolvemento de proxectos innovadores e de I+D neste eido”

Subliña que para iso o centro monitorizará os sistemas informáticos das entidades interesadas para actuar ante calquera alerta e contará cun espazo demostrador no que probar a nova tecnoloxía deseñada antes de aplicala no sector produtivo

O Goberno galego licitará este mes os traballos co obxectivo de inicialos a principios do 2024 e poñer en marcha o novo centro en 2025

O edificio disporá dunha superficie útil de máis de 2.100 m² e configúrase en catro bloques rotando sobre un espazo central, de planta circular e formato poligonal

O centro traballará en colaboración coas deputacións provinciais, coas entidades locais, a través da Fegamp, coas universidades galegas e centros tecnolóxicos e de innovación e co tecido empresarial do sector
 

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello deu hoxe o visto e prace á contratación das obras para a construción do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia nos terreos do Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas, que suporá un investimento de máis de 6 M€.

Tal e como explicou o presidente, o novo centro nace co obxectivo de “fortalecer a ciberseguridade” na contorna da administración pública, da cidadanía e das empresas; apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación; “fomentar o desenvolvemento de proxectos vencellados á ciberseguridade” e promover o emprendemento neste eido.

O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé licitar as obras ao longo deste mes de agosto, para poder adxudicalas no outono e empezalas a principio do 2024. O obxectivo co que se traballa é poder poñer en marcha o novo centro no ano 2025, xa que as obras contan cun prazo de execución de 20 meses.

O edificio que albergará o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia construirase na parcela 3E da Tecnópole, cunha superficie útil de máis de 2.100 m2. O edificio configúrase en catro bloques rotando sobre un espazo central, de planta circular e formato poligonal, que albergará as funcións para o que é concibido.

O edificio, que se utilizará tamén co obxectivo de fomentar a I+D+i e o emprendemento no ámbito da ciberseguridade, nun modelo de colaboración público-privada, acollerá diferentes espazos de uso para as administracións, as empresas ou os emprendedores.

Rueda resaltou que o futuro centro vaise encargar de “supervisar a ciberseguridade das administracións públicas” a través dunha sala de monitorización na que se controlarán os sistemas informáticos das entidades interesadas e se detectará calquera alerta. O recinto contará ademais cunha sala específica para no case de xurdir algunha crise en materia de ciberseguridade.

Ademais, tal e como explicou o presidente, “o centro dará apoio ao desenvolvemento de proxectos de innovación ou a I+D en ciberseguridade” a través dun centro demostrador no que poñerán a proba novas tecnoloxías para despois amosalas ao sector produtivo que vai ser destinatario das mesmas ou con laboratorios e outros espazos que poden usar as empresas e emprendedores.

Carácter funcional dos espazos

No deseño do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia prímase o compromiso coa arquitectura do futuro e coa calidade de vida dos seus traballadores como obxectivo esencial. Destaca así a orixinalidade tipolóxica na configuración do edificio, que aposta pola expresión tecnolóxica da función que alberga, cunha envolvente lixeira metálica e vidrada que flota no contexto desnaturalizado da Tecnópole, xerando unha paisaxe cara ao interior a través dun cinto verde vexetal formado por diferentes especies de árbores.

En concreto, o edificio estrutúrase en catro elementos que expresan o seu carácter funcional no conxunto e que se articulan ao redor dun espazo central de acceso e circulacións en forma de disco horizontal con control visual directo aos espazos dos catro bloques.

A sala de operadores, que se aloxará nunha das pezas máis significativas da actuación na posición noroeste da parcela, albergará na súa planta superior os espazos servidores desta, como son o despacho, o laboratorio, a sala de crise e a sala de reunións.

No lado oposto, cara ao sureste, sitúase a peza de laboratorios e centro demostrador, que se organizan de modo que mediante paneis móbiles poden configurarse nun espazo conxunto para demostracións de maior envergadura. Estes espazos terán dobre altura, situándose nunha zona parcialmente superior unha sala de máquinas de climatización.

Na diagonal do eixo contrario, situación noroeste-suroeste, proxéctanse dúas pezas arquitectónicas análogas con dúas plantas, para usos administrativos, para aseos, espazos para uso interno do centro, para emprendedores ou para o alugueiro de empresas privadas. Estas dúas pezas análogas fórmanse mediante a disposición de dúas pezas arquitectónicas que se traban mediante unha fenda central de circulacións verticais e horizontais.

Na execución das obras do edificio proponse unha tecnoloxía de obra seca e ultralixeira, materiais de prestacións avanzadas recuperables e desmontables. Tamén destaca a ausencia intencionada de falsos teitos e a austeridade e transparencia, mostrando a construción do edificio.

A sustentabilidade e eficiencia enerxética é tamén outro aspecto coidado no deseño do edificio, no que se propón un sistema de climatización mixto, dimensionado para poder proporcionar toda a calor con xeotermia e a refrixeración con xeotermia/aerotermia. Este sistema mixto reduce considerablemente os custos iniciais de investimento para un sistema completo de climatización por xeotermia e, á vez, mantén todas as vantaxes enerxéticas de ambas as instalacións xeotermia/aerotermia.

O Goberno galego impulsa o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, que se converterá nun punto de encontro entre a innovación en ciberseguridade e as necesidades e retos da sociedade. Coa posta en marcha deste edificio, a Comunidade dá un paso importante no camiño dunha Galicia intelixente que aposta polo crecemento da economía galega baseado nas tecnoloxías.

O centro traballará en colaboración coas deputacións provinciais, coas entidades locais, a través da Fegamp, coas universidades galegas e centros tecnolóxicos e de innovación e co tecido empresarial do sector. A vocación deste centro é estar á disposición de toda a sociedade.

O Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia materializarase a través da colaboración entre a Consellería de Facenda, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, responsable deste proxecto, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que acometerá as obras de edificación.

Esta intervención será financiada con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, do programa Next Generation UE.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2023