A Xunta incrementa en agosto máis de 200 frecuencias de autobús á semana entre Vigo-Baiona e Vigo-Gondomar, e nos servizos diarios do Porriño, Ponteareas e Tui cara a Praia América

Os servizos que conectan estas localidades e as zonas de praia refórzanse para atender a demanda de transporte público nesta época nos desprazamentos aos areais

Dúas das liñas entre Vigo e Baiona contan en agosto con servizos reforzados, unha delas, con paradas nas praias de Nigrán: Praia América, Panxón e Patos

Estas liñas realizarán 187 servizos máis á semana con respecto aos meses de setembro a xuño, 27 máis ao día de luns a sábado, e 25 máis os domingos e festivos

Entre Vigo e Gondomar, a liña que realiza paradas nos areais de Praia América, Panxón e Patos, ofrece en agosto 29 servizos máis á semana

Do Porriño a Praia América hai un servizo diario de ida e volta, co que poden enlazar os usuarios de Ponteareas tras os axustes realizados para mellorar a coordinación

Desde Tui tamén funciona unha expedición de ida e outra de volta de luns a domingo
 

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2023 A Xunta incrementa en agosto máis de 200 frecuencias de autobús á semana na liña Vigo-Baiona e Vigo-Gondomar, e nos servizos diarios do Porriño, Ponteareas e Tui cara a Praia América, en Nigrán.

Os servizos que conectan estas localidades e as zonas de praia refórzanse para atender a demanda de transporte público específica durante esta época para os desprazamentos aos areais.

Dúas das liñas de autobús que atenden a conexión Vigo-Baiona contan en agosto con servizos reforzados, unha delas, con paradas nas praias de Nigrán: Praia América, Panxón e Patos.

Estas liñas realizarán 187 servizos máis á semana con respecto aos meses de setembro a xuño, 27 máis ao día de luns a sábado, e 25 máis os domingos e festivos.

Así, entre Vigo e Baiona os autobuses teñen frecuencias de ata 15 minutos en moitas horas do día, en momentos de maior demanda, e hai servizos cada hora durante a tarde na conexión cos areais de Nigrán.

Entre Vigo e Gondomar, a liña que realiza paradas en Praia América, Panxón e Patos terá en agosto 29 servizos máis á semana que nos meses de setembro a xuño. Son 5 máis ao día de luns a venres e 2 máis sábados, domingos e festivos.

Estes reforzos permiten ter autobuses case cada hora durante a tarde entre semana, e nas fins de semana, horarios adecuados aos desprazamentos á praia.

Ademais, a oferta de servizos facilita as viaxes en transporte público á praia desde outros concellos da área do sur de Vigo, con liñas directas sen paradas intermedias desde O Porriño e Tui a Praia América, en Nigrán.

Desde O Porriño, os cidadáns dispoñen en agosto dun servizo de ida e outro de volta todos os días da semana, con saída ás 15,00 horas e regreso ás 20,30 horas desde o areal. Ao non realizar paradas intermedias, a duración é de só 30 minutos.

Esta liña directa pode ser empregada polos usuarios de Ponteareas, tras os axustes realizados desde o 1 de agosto para mellorar a coordinación cos servizos que conectan Ponteareas e Vigo e facilitar os enlaces no Porriño.

Desde Tui tamén hai unha liña directa a Praia América cunha expedición de ida e outra de volta de luns a domingo, con saída de Tui ás 12,00 horas e volta ás 19,00 horas.

Con esta oferta de servizos de autobús, a Xunta atende a demanda de mobilidade que existe no verán nesta área e facilita os desprazamentos á praia en transporte público, como principal alternativa ao vehículo particular, evitando a saturación de tráfico e as emisións contaminantes nos desprazamentos aos areais.

Nestes servizos, como en todos os autobuses da Xunta, os menores de 21 anos poden viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova.

Tamén o resto de usuarios do transporte público da Xunta poden beneficiarse dos descontos da tarxeta TMG.

Os horarios dos autobuses da Xunta e toda a información relativa aos servizos está dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2023