O Goberno galego reforza a contratación de auxiliares de policía local para este verán nos concellos máis turísticos

Rueda destaca que se invistirá 145.000 euros, o que supón o orzamento máis elevado nos 11 anos para este fin e que beneficiará a 14 municipios, catro máis que no pasado exercicio

Lembra que o Goberno galego leva investidos 973.000 euros desde a posta en marcha do plan en 2012

Cada concello poderá recibir entre 5.000 e 19.500 euros para sufragar parte dos gastos de contratación
 

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, salientou hoxe as novas contratacións por parte da Xunta de Galicia de auxiliares de Policía Local para este verán naqueles concellos declarados municipios turísticos -aqueles que conten con máis de 5.000 habitantes e que dispoñan deste corpo de seguridade- co obxecto de reforzar a súa seguridade tendo en conta que multiplican a súa poboación durante a época de estío.

Rueda precisou que o Plan específico de subvencións para a contratación de auxiliares de Policía Local, do que se informou hoxe no Consello da Xunta, destina este ano un total de 145.000 euros para subvencionar as contratacións en 14 concellos turísticos, entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2023, “o que supón catro municipios máis que o pasado ano”, puxo en valor, á vez que salientou que se trata do orzamento “máis elevado nos 11 anos que leva en marcha este programa, só igualado en 2011”. Precisamente, lembrou que desde 2012 a Xunta investiu case 1 millón de euros en este tipo de axudas.

Consonte os criterios de selección, o mandatario galego precisou que este verán recibirán as axudas á contratación de auxiliares de policía local este anoBaiona, Cambados, Cangas, O Grove, A Guarda, Miño, Monforte de Lemos, Nigrán, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Poio, Sanxenxo, Tui e Vilagarcía de Arousa. 

As contías distribúense tendo en conta a porcentaxe que representan as prazas hoteleiras en cada concello sobre a cifra de poboación, e son beneficiarios os concellos que experimentan na tempada de verán un incremento estacional de poboación e que teñan un mínimo de 1.000 prazas.

Deste xeito, Rueda apuntou que nos municipios nos que as prazas de aloxamento supoñan máis da metade sobre o total de habitantes reciben axudas por importe de 19.500 euros, como é o caso de Sanxenxo e O Grove. Nos concellos que as prazas de aloxamento representan máis do 25% -isto é Baiona, A Guarda e Miño- a contía máxima é de 12.000 euros, mentres que nos que como Cangas,Nigrán, Padrón, Poio  e A Pobra do Caramiñal, a porcentaxe supera o 15%, a subvención é dun máximo de 10.000 euros. Cambados, Tui, Vilagarcía de Arousa e Monforte de Lemos recibirán 5.000 euros en cada caso, debido a que as prazas de aloxamento en comparación coa poboación é inferior ao 15 %.

Outros criterios de selección

Outros criterios de selección foron dispoñer da declaración como municipios turísticos galegos; ter unha poboación igual ou superior a 5.000 habitantes segundo as cifras oficiais de poboación de 2022; contar cun corpo de policía local, e participar no proceso selectivo unitario para a cobertura de postos de auxiliares de policía local, convocado pola Orde do 17 de febreiro de 2023. 

Alternativamente requiriuseter convocados procesos selectivos para a cobertura de postos de auxiliares de policía local durante este ano, e ter remitidas as bases da dita convocatoria á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para os efectos da emisión de ditame.

Desde a posta en marcha do plan, en 2012, o Goberno galego leva investidos 973.000 euros no financiamento da contratación de auxiliares de policía local durante a tempada de verán nos concellos turísticos da comunidade. Nesta liña, cómpre salientar que o orzamento de 2023 é o máis elevado dos 11 anos de aplicación, só igualado en 2021.

A Xunta colabora desta forma cos concellos máis turísticos de Galicia co obxectivo de reforzar a eficacia dos seus corpos policiais. A medida enmárcase ademais no compromiso para facilitarlles ás administracións locais a prestación de servizos a prol da seguridade de veciñanza e visitantes.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2023