A Xunta renova a sinalización horizontal en 165 quilómetros de 25 estadas autonómicas en Lugo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinalou hoxe en Pol que se investiron 366.500 euros na actuación, que está practicamente rematada

Pol (Lugo), 3 de agosto de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executa  traballos de renovación da sinalización horizontal en 25 estradas autonómicas da provincia de Lugo, en concreto en 27 tramos que suman 165 quilómetros.

Durante unha visita a Pol, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que a actuación alcanza un investimento de 366.500 euros, desenvolveuse nas últimas semanas aproveitando a climatoloxía favorable, e está practicamente rematada.

No que respecta a este municipio, a Xunta está a ultimar o acondicionamento da estrada LU-760 co repintado de 9,2 quilómetros desde o seu inicio, no enlace coa N-640 en Mondriz (Castro de Rei), ata Mosteiro. Neste punto empata co tramo de seis quilómetros ata Rioxoán no que se se executaron recentemente obras de reforzo do firme, e completarase a intervención repintando a travesía deste núcleo, que corresponde á estrada autonómica LU-750 (Meira-O Cádavo).

En total, na zona norte da provincia melloráronse 110 quilómetros de 13 estradas que comunican Pol, Lugo, Rábade, Meira, Ribeira de Piquín, Cervo, Viveiro ou Mondoñedo. A programación na zona sur contemplou 55,4 quilómetros en 12 vías, entre elas o corredor CG-2.2 Nadela-Sarria.

Arias destacou que “no marco dos labores de mantemento das estradas autonómicas, a Xunta acomete cada verán esta campaña nos treitos nos que se detecta a necesidade, porque as marcas viarias inciden directamente na seguridade na condución, e moi especialmente nas travesías e puntos onde existen pasos de peóns”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2023